Inicio
Actualidade

Ao día!

02/03/2022

Dixitalización, impulso á competitividade do tecido empresarial galego

Comparte este artigo

A democratización no acceso ao sector dixital e a consolidación das TIC protagonizan o novo escenario socioeconómico

O impacto económico da pandemia acelerou o cambio tecnolóxico, coa imprescindible adaptación das empresas a novos modelos de negocio, desafíos de sustentabilidade e modalidades de traballo. Sumado a isto, o papel da dixitalización na redución e eliminación de brechas sociais, xeográficas e de xénero fai desta transición cara á Industria 4.0 un reto ineludible para o tecido produtivo en xeral e a cidadanía en particular.

Sen ir máis lonxe, o 20% do investimento realizado no marco dos fondos Next  Generation debe ir destinado ao sector dixital. Unha oportunidade que o propio director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando  Guldrís, define como “unha panca capaz de impulsar a transformación dixital e ecolóxica do noso modelo produtivo”. Tal e como subliñou durante a clausura do programa de talleres de dixitalización promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco), a dixitalización do tecido empresarial galego “é e seguirá sendo un dos eixos prioritarios da nosa política económica”.

Froito desta aposta pola dixitalización, a Xunta ten comprometidos 4,82 millóns de euros para o proxecto da Cidade das TIC, que conta co Centro de Servizos Avanzados, o cal, segundo o Clúster TIC de Galicia, será “o gran centro demostrador para a transformación dixital da industria galega”. Esta iniciativa contribuirá a estimular e atraer a Galicia tanto a emprendedores TIC como a grandes socios tecnolóxicos internacionais centrados en tecnoloxías dixitais emerxentes.

Novas oportunidades

Aínda que a pandemia contribuíu a poñela sobre a mesa, a transformación dixital é a que marcou o despegue e a competitividade do tecido empresarial e de todo tipo de organizacións desde antes de 2020. “A dixitalización democratizouse grazas á pandemia”, subliña a directora de Desenvolvemento Corporativo e RSC de Tecalis, Berta Caro, que explica que durante os meses de maiores restricións derivadas da covid-19 “evidenciouse que quen non se transformase dixitalmente, se vería moi afectado en termos de resposta rápida aos cambios, en capacidade de reducir riscos, en aumentar a produtividade e, mesmo, en xerar novas oportunidades de negocio”.

Como peme gañadora dos Premios RSE da Xunta de Galicia en 2019 pola súa visión integral da responsabilidade social, Tecalis traslada tamén ao ámbito da sustentabilidade os “beneficios da dixitalización” no novo escenario socioeconómico. “Integramos nos nosos clientes solucións dixitais que dotan aos negocios de escalabilidade, sustentabilidade e eficiencia; reducimos gastos de material en envíos, aforramos tempo, simplificamos procesos, eliminamos espazos de almacenamento e melloramos a experiencia de cliente”, detalla Caro.

Impulso á formación dixital e ás axudas para a súa implantación

En relación directa coa Industria 4.0 e no marco dos desafíos da transición dixital, está en marcha a nova proposta formativa das tres universidades públicas galegas para o curso 2022-2023. Trátase do primeiro título de grao e de mestrado interuniversitario en Intelixencia Artificial, impulsado grazas ao acordo entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e os reitores das tres institucións académicas.

Ademais do seu protagonismo no eido académico, a oportunidade da dixitalización na mellora competitiva de pequenas e medianas empresas é un feito que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten claro e, por este motivo, puxo en marcha diferentes axudas destinadas tanto á formación no ámbito das TIC como ao desenvolvemento destas últimas en todo tipo de entidades. Así, iniciativas como a liña de axudas dirixidas ao sector hostaleiro ou o programa Cheque Dixital da Xunta, destinado ás pequenas empresas e aos autónomos do sector servizos, ás entidades do tecido asociativo e empresarial galego e ás entidades da economía social que sexan pemes e non estean nos sectores da pesca, acuicultura ou produción primaria, evidencian a nova tendencia de investimento en TIC e a maior aposta pola dixitalización.

Tamén pode interesarche