Inicio
Actualidade

Ao día!

02/03/2022

Entrevista - Marcos Martín, presidente do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular ‘Viratec’

Comparte este artigo

O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular ‘Viratec’ persegue, desde que se xestou a finais de 2020, incrementar a competitividade e a capacidade tecnolóxica e innovadora das empresas galegas que achegan solucións ambientais para un desenvolvemento sustentable.

O seu presidente, Marcos Martín, está convencido de que “o futuro será circular” e, de feito, asegura que “a sociedade é consciente da necesidade de transformar o sistema de produción e consumo actual cara a un modelo máis respectuoso co medio ambiente”. Falando da implementación de solucións ambientais a través do emprendemento e o denominado emprego verde, o tamén director rexional Norte do Grupo Suez, e por tanto responsable de Viaqua, subliña que “tanto administracións como organizacións empresariais asumiron a economía circular como parte esencial das súas estratexias”.

Cal é o perfil das empresas e entidades que forman parte de Viratec?

Viratec é un clúster inclusivo que, entre os seus xa 62 socios, incorpora universidades, centros tecnolóxicos, asociacións e empresas de diversos sectores como medio ambiente, auga, enerxía, residuos, chan… e de moi diversa natureza, como operadores, xestores, entidades, enxeñería e consultoría, comunicación… É dicir, somos un clúster inclusivo de verdade, porque somos conscientes de que os retos ambientais aos que nos enfrontamos deben ser abordados desde todos os puntos de vista, con equipos multidisciplinares e cunha perspectiva o máis holística posible.

Por tanto, Viratec representa á perfección a masa crítica existente en Galicia no ámbito das tecnoloxías ambientais e a economía circular. Este clúster cubriría os catro sectores relacionados co medio ambiente, como son as tecnoloxías relativas á xestión do medio ambiente e os espazos naturais; o ciclo da auga; os residuos urbanos, agrícolas e industriais; a xeración de enerxía sostible; a contaminación atmosférica; e a recuperación de chans e espazos degradados.

Cales son os obxectivos estratéxicos do Clúster Viratec?

O principal obxectivo de Viratec é o de dinamizar un ecosistema favorable que catalice a implementación de solucións ambientais e modelos de economía circular, para contribuír de forma notable ao desenvolvemento sostible de Galicia e ao PIB da nosa comunidade. Concretamente, a nosa misión é a de incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais, fomentando un ecosistema de cooperación público-privado e entre empresas, xerando sinerxias entre distintas áreas de coñecemento, promovendo a I+D+i, mellorando a formación e creando oportunidades de internacionalización. Todo iso para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e á preservación do seu medio ambiente baixo os principios da economía circular.

Que futuro ten a economía circular como motor de desenvolvemento?

As oportunidades de economía circular son xeralmente de tipo transversal. Galicia é unha comunidade cun gran peso dos sectores primarios na súa economía. A modernización destes sectores e a xestión innovadora dos seus recursos naturais forman parte da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia e a implementación de estratexias de economía circular debe ser o fío condutor nesta modernización tal e como se recolle na propia Estratexia Galega de Economía Circular. En Viratec estamos convencidos de que o futuro será circular.

Considera que os desafíos que expón o cambio climático e a necesidade de desenvolver solucións innovadoras sitúan a Galicia nunha posición estratéxica para acoller empresas e inversións relacionadas co sector ambiental?

En termos xerais, a sociedade é consciente da necesidade de transformar o sistema de produción e consumo actual cara a un modelo máis respectuoso co medio ambiente. A economía circular debe ser un dos motores de cambio que contribúa á devandita transformación e a mitigar os efectos do cambio climático.

Desde o punto de vista da adaptación a ese cambio climático, tamén existe un gran potencial onde a innovación e a dixitalización deben xogar un papel protagonista. Neste novo escenario global, o sector das tecnoloxías ambientais é parte fundamental do desenvolvemento económico de Galicia polo seu potencial de crecemento, resultando un vector de competitividade territorial e empresarial de primeira magnitude.

Europa propuxo antes da pandemia o Green Deal -Pacto Verde- cunha seria aposta económica pola transición ecolóxica e, posteriormente, lanzou os fondos Next Generation. De que forma poderá Galicia aproveitar estas oportunidades?

Os fondos deben procurar a implantación dun novo modelo produtivo, un modelo propio dunha sociedade máis circular. De feito, os criterios de acceso aos fondos Next  Generation poñen en relevo a importancia de apostar pola sustentabilidade, a innovación e a dixitalización. O 30% do orzamento do Plan de Recuperación para Europa irá destinado á transición ecolóxica, polo que os fondos Next Generation xogarán un papel esencial como panca para a reactivación e aceleración desta transición ecolóxica e dixital cara a unha economía circular.

Son varias as empresas asociadas ao Clúster que presentaron as súas propostas de proxectos e manifestacións de interese tanto a nivel de Galicia como a nivel nacional. Sen dúbida, trátase dun tren ao que tanto Galicia en xeral como o noso sector en particular debemos subirnos decididamente. Os fondos Next Generation supoñen unha oportunidade de transformación que non nos podemos permitir desaproveitar.

Que papel xoga o feito de contar con tres universidades na nosa comunidade e diferentes centros tecnolóxicos de investigación para o medio ambiente e a economía circular?

Consideramos que o ecosistema de innovación galego goza dunha estupenda saúde, dispón de actores moi relevantes e recoñecidos en toda a súa cadea de valor e isto temos que aproveitalo. Desde Viratec, consideramos ademais que se debe incrementar o esforzo e o investimento en innovación asociada ás tecnoloxías ambientais e a economía circular, só desta forma poderemos facer fronte aos retos presentes e futuros que se nos presentan para avanzar xuntos cara á sustentabilidade do planeta.

Achegar a investigación e a xeración de coñecemento ás actividades xestoras e produtivas da nosa comunidade, fomentando a colaboración entre administracións públicas, privadas, universidades e centros tecnolóxicos, é unha das estratexias claras que nos marcamos en Viratec. É unha necesidade.

Veremos un impulso ao emprendemento e o emprego verde?

Vivimos un momento no que o vento sopra a favor da implementación de solucións ambientais que fomenten a economía circular. Tanto administracións como organizacións empresariais asumiron este concepto como parte esencial das súas estratexias. Debemos aproveitar este contexto favorable para remar na mesma dirección, establecer colaboracións público-privadas estables que faciliten a eliminación das barreiras que aínda existen na actualidade e que principalmente son de tipo social e normativo.

Se froito desta colaboración conseguimos superar estas barreiras, sen ningunha dúbida entraremos nunha nova etapa de impulso da nosa economía que poderá ser interpretada nuns anos como unha auténtica transformación ecolóxica.

A Oficina Galicia Empresa está enfocada a facilitar o emprendemento, crecemento e implantación de empresas en Galicia. Considera que este recurso pode xerar a confianza que necesitan inversores e emprendedores?

Unha particularidade de Galicia é a aposta decidida da súa Administración polo impulso de diferentes medidas e ferramentas de fomento da colaboración público-privada. Desde Viratec consideramos fundamental o establecemento dunhas alianzas fortes e estables entre a administración e o sector privado como ingrediente fundamental que permita a xeración de dinámicas positivas en termos de emprendemento e innovación, que en último termo sexan xeradoras de desenvolvemento económico e prosperidade para a sociedade galega.

Os investidores e emprendedores o que necesitan son facilidades de implantación, acceso a instrumentos de financiamento, un marco normativo estable, unha dotación de servizos e infraestruturas adecuadas, formación de calidade, man de obra cualificada… Se se traballa para proporcionarlles todo isto, e se promociona adecuadamente, a confianza é algo que vén de forma natural.

Algunhas empresas do sector que representa Viratec xa cruzaron fronteiras materializando con éxito o seu proceso de internacionalización. Estamos ante unha boa oportunidade para o talento e o coñecemento de Galicia?

Anteriormente falamos do carácter galego do clúster, pero é importante matizar que a nosa visión non entende de fronteiras. Viratec é un clúster de solucións ambientais galegas con potencial de implementación en Galicia ou en calquera outra xeografía, tanto a nivel nacional como internacional, xa que os retos ambientais son globais. O clúster xa naceu libre de calquera tipo de complexo ou limitación neste sentido e aberto a aproveitar calquera oportunidade para poñer en valor o potencial do noso sector.

En Galicia temos moito talento e coñecemento específico en distintos ámbitos, sendo referentes a nivel nacional e europeo en varios dos sectores que comentei, e mesmo en proxectos de investigación e innovación. Claro que isto é unha oportunidade!, e depende de nós aproveitala.

Que diría a quen estea pensando en desenvolver un proxecto empresarial para que valore Galicia coma o escenario idóneo para a súa inversión?

Creo que se ese hipotético investidor le esta entrevista pode darse conta de que en Galicia dispoñemos dos ingredientes necesarios para poder desenvolver proxectos ambiciosos, e no caso de que teña algunha dúbida respecto diso, desde Viratec estaremos encantados de mobilizar e integrar as capacidades dos nosos asociados para axudarlle a resolvela.

Tamén pode interesarche