Ao día!
Next Generation, unha oportunidade para consolidar a industria galega
Baixo as premisas da sustentabilidade, a dixitalización e a xustiza social, os Next Generation ofrecen unha oportunidade para que as empresas aposten pola súa transición enerxética nun proceso de transformación no que a I+D é clave. A colaboración público-privada ligada a este instrumento de recuperación europeo preséntase como garantía tanto para a optimización de fondos comunitarios como para a captación de novos proxectos tractores da economía galega.
Os fondos europeos de recuperación Next Generation EU supoñen 750.000 millóns de euros adicionais ao orzamento ordinario da UE, dos que 140.000 millóns corresponden a España a través de iniciativas en liña cunha Europa verde, dixital, saudable e igualitaria.
Galicia conta cunha candidatura sólida e con proxectos de calidade, tal e como recoñeceu o propio Goberno central. Así, o ámbito forestal, o sector da automoción, a industria agroalimentaria e a biotecnoloxía farmacéutica aspiran ao financiamento europeo a través de proxectos tractores como unha fábrica de fibras téxtiles a partir de recursos forestais, AutoÁncora (para avanzar na mobilidade do futuro: o coche eléctrico, autónomo e conectado), o Polo Aeroespacial de Galicia, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas e o proxecto para impulsar a Zendal como un dos grandes centros estratéxicos para a produción de vacinas e produtos sanitarios. Este último, en liña coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia, tal e como lembrou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.
Estratexia para a promoción da economía galega
En sintonía co Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a estratexia Next Generation Galicia busca potenciar a economía mediante proxectos tractores que incorporen á pequena e mediana empresa ao tecido produtivo galego, consolidando “un ecosistema empresarial competitivo e sustentable”. Unha iniciativa da Xunta de Galicia que premia a innovación, o talento e as oportunidades igualitarias como mecanismos de resiliencia fronte ás consecuencias socioeconómicas derivadas da pandemia.
De feito, un dos requisitos lanzados desde Europa é a participación activa das pemes, que representan o 96% do total de empresas da comunidade galega, no desenvolvemento dos investimentos e dos proxectos definitivos. Requisito que se suma á necesaria oportunidade para a transición ecolóxica, dado que o 37% dos proxectos que financien os Next Generation deberán estar relacionados co clima, a enerxía, o transporte, a descarbonización, a economía circular e a xestión hídrica. No caso do sector dixital, as iniciativas deben roldar o 20% do investimento a fondo perdido da Unión Europea.
Como contribúe a normativa galega de simplificación administrativa ás xanelas de oportunidade que abren os Next Generation?
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avanzou durante a presentación dos proxectos remitidos ao Goberno que os fondos europeos de recuperación Next Generation son “unha oportunidade para redefinir a nova economía galega e recuperar a senda da creación de emprego”.
Nesta liña, e no seu obxectivo de acompañar ás empresas para o impulso da economía, o Goberno galego aprobou a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, dando resposta á necesaria mobilización de fondos e á axilidade na xestión e revisión de procedementos, á vez que favorece a captación e retención de talento. A contribución desta lei aos recursos procedentes dos fondos europeos facilita, así, o apoio ao investimento a través da Oficina Reactiva Galicia, cos servizos Doing Business e Igape Responde, ademais da simplificación administrativa para a posta en marcha e desenvolvemento de proxectos e iniciativas empresariais.