Inicio
Actualidade

Ao día!

23/03/2022

As empresas galegas continúan avanzando na súa vocación exportadora

Comparte este artigo

Os sectores alimentario, téxtil, forestal e da construción agrupan ás principais empresas galegas con proxección internacional

A industria da moda, os supermercados e hipermercados, a construción de edificios e o transporte de mercadorías por estrada son, por esta orde, os sectores económicos que xeran máis postos de traballo en Galicia. Segundo os datos publicados no Informe Ardán 2020, o téxtil sostiña en 2018 un total de 38.000 empregos entre distribuidores polo xunto e polo miúdo e o sector de distribución alimentaria directa ao consumidor, 14.712 postos. 

Mais aló da xeración de emprego e da súa aportación ao PIB, alimentación e téxtil son, xunto á automoción, construción e aproveitamento e xestión da madeira, as industrias clave en Galicia en canto a exportacións. Conscientes disto, e da importancia da proxección exterior para o desenvolvemento económico da comunidade galega, a Xunta conta con diversos programas de axuda para procurar que o tecido produtivo aborde os mercados internacionais e que as empresas xa exportadoras consoliden e amplíen a súa presenza e negocio no mercado global.

A aposta pola dixitalización e a diversificación de mercados marca gran parte da folla de ruta do Executivo autonómico para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego. Tal e como figura na nova Estratexia de internacionalización de Galicia para o período 2021-2025, o programa sustentarase sobre catro piares: innovación, captación de talento, acompañamento nos mercados de destino e difusión de casos de éxito. Estes últimos, recordan dende a Área de Internacionalización do IGAPE, poden verse reflectidos na experiencia de empresas galegas con presenza no mercado global, na súa maioría pertencentes ao sector agroalimentario (Nueva Pescanova, Hijos de RIvera, Martín Códax, Calvo, VIMA Foods, Grupo Pereira, Pescapuerta e Profand, entre outras compañías), téxtil (Adolfo Domínguez, Bimba y Lola y Roberto Verino, ademais de Inditex), forestal (Finsa y Malasa), naval (Gabadi), automoción (Marsan) e construción (Cortizo, Copasa ou Construtora San José).

Pero tamén destaca a proxección internacional de compañías cuxa actividade se centra nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e incluso no sector biotecnolóxico, como poden ser Trisón ou Televés, no primeiro caso, e Zendal no segundo.

Impulso á internacionalización

O desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un gran potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais. Neste sentido, a internacionalización dixital das empresas está no punto de mira da Xunta, que dará cobertura a 700 compañías a través do programa Galicia Exporta Dixital e prevé impulsar outras 1.000 entidades de cara a 2025 cun orzamento total que ascende a 24 millóns de euros.

Ao Galicia Exporta e Galicia Exporta Dixital súmase o Plan para o Fomento da Exportación Galega (Foexga). Entre as liñas de axuda financeira e de recursos para posicionar ás empresas galegas nos mercados internacionais, o Igape e as cámaras de comercio colaboran na posta en marcha dun novo plan de accións de promoción conxuntas no exterior, polo que se potenciará a presenza do tecido empresarial de Galicia en feiras e misións internacionais. 

Así, as actuacións incluídas no Plan Foexga 2021-2022 están dirixidas a aumentar a base de empresas exportadoras; fomentar e consolidar a presenza de compañías galegas nos mercados internacionais; acadar unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica, das exportacións e difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade. 

Este impulso á internacionalización está a favorecer que Galicia continúe mellorando os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que as exportacións galegas marcaron un novo récord e suman máis de 25.000 millóns de euros no 2021.

 

Tamén pode interesarche