Inicio
Actualidade

Ao día!

31/03/2022

A Xunta apoia 52 iniciativas empresariais a través de Galicia Emprende

Comparte este artigo

O programa prevé mobilizar 19,5 millóns de euros e consolidar máis de 400 postos de traballo na comunidade galega.

O desexo de impulsar un proxecto empresarial e asumir os desafíos que veñan por diante. Así define o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, o papel das persoas emprendedoras. Un papel considerado fundamental pola Xunta de Galicia no seu obxectivo de estimular o crecemento económico na comunidade galega.

A través do Igape, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación impulsa cada ano distintos programas e liñas de actuación destinados á creación de emprego e a mellora da competitividade do tecido empresarial. Así, Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural permitiron apoiar, nos últimos catro anos, máis de 350 proxectos emprendedores, mobilizando 35 millóns de euros.

A estas cifras hai que sumar as da convocatoria de 2021 de Galicia Emprende, que o Goberno galego resolveu apoiando un total de 52 novas iniciativas empresariais cun investimento previsto de 19,5 millóns de euros e a creación ou mantemento de máis de 400 postos de traballo. Mediante esta resolución, impulsaranse proxectos pertencentes a industrias tan diversas da economía galega como o sector servizos, as políticas sociais, a hostalería, o comercio ou a investigación.

Experiencias emprendedoras

Entre os proxectos apoiados nos últimos anos polos programas da Xunta para o impulso ao emprendemento figuran iniciativas como as de David Enguidanos, Cristian Santiago ou Carlos Allo, que presentaron os seus modelos de negocio ao Igape e accederon a axudas económicas para facer realidade a ferraxería Fercofix, o restaurante Mareaortegal e o obradoiro de croquetas A Boa Vianda, respectivamente. 

“A axuda que nos brindaron desde o Igape foi un gran impulso para emprender e hai que aproveitalo”, recoñece o propietario de Mareaortegal, “un tipo de restaurante que botabamos en falta na zona de Ortegal e que montamos nun local de obra grazas á subvención”, explica Cristian Santiago en referencia ao programa Galicia Emprende, do que foi beneficiario en 2019 para poñer en marcha o proxecto.

Para David Enguidanos, “botar unha ollada de cando en vez ás axudas que publica a Xunta de Galicia a través do Igape é fundamental”. Segundo este emprendedor, que da man do programa Galicia Emprende puxo en marcha unha tenda de ferraxería e subministracións no municipio coruñés de Arteixo, “todas as axudas son sempre benvidas, tanto a nivel actualización de equipos como para o desenvolvemento de proxectos”.

Aínda que demanda “unha maior axilidade no abono do financiamento adxudicado por este tipo de programas”, Carlos Allo Otero, pola súa banda, recoñece que “toda axuda é boa” e agradece á Xunta que poña en marcha iniciativas como Galicia Emprende. “Eu confiaba no meu proxecto e sabía que era viable, o cal é esencial para emprender, pero o impulso económico sempre vén ben”, explica Carlos Allo, propietario da Boa Vianda, un obradoiro de croquetas “totalmente artesás a base de produto galego” no lugar de O Mosteiro, Pontevedra.

Oportunidades no medio rural

No caso do programa Galicia Emprende Rural, destinado a promover actividades empresariais non agrarias de autónomos, microempresas e pequenas empresas, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, recibiu máis de 150 solicitudes, que están a ser avaliadas. Con esta iniciativa, búscase fixar poboación nas zonas rurais e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes ao apoiar a emprendedores e pemes en actuacións relacionadas principalmente con sectores como o da automoción, o téxtil, o aeronáutico, o químico, o ambiental, o audiovisual, a pedra natural, as TIC e as industrias creativas.

Espazos coworking

Ademais das iniciativas empresariais que o Goberno galego continúa impulsando, outro programa a través do que a Xunta fomenta o emprendemento en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), é o dos espazos coworking, que desde o seu lanzamento en 2016 contribuíu a crear máis de 380 empresas. 

Máis aló do propio espazo, os coworkings ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompaña no deseño do modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos nos que participar, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Na provincia da Coruña, os espazos coworking están situados en Santiago de Compostela e nas comarcas de Ferrolterra, concretamente en Ferrol, e da Costa da Morte, con sede en Cabana de Bergantiños. Na provincia de Lugo, hai espazos coworking emprazados nas comarcas da Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos; A Mariña, en Mondoñedo; e na Ulloa, en Palas de Rei. En Ourense, a Mancomunidade do Carballiño conta con outro dos espazos no Irixo; a de Valdeorras, na Rúa; como en San Cibrao das Viñas, no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). No caso da provincia de Pontevedra, son as comarcas do Salnés e Deza, con sedes en Vilanova de Arousa e en Lalín, respectivamente, as que contan con estas iniciativas da Xunta.

 

Tamén pode interesarche