Ao día!
Impulso á biotecnoloxía para a transformación do tecido produtivo en Galicia
A Xunta aspira a mobilizar 662 millóns de euros co obxectivo de situar a Galicia como unha das principais rexións biotecnolóxicas a nivel internacional. Para logralo, no marco da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico para o período 2021-2025, fomentará a xeración de negocio e a consolidación empresarial ao redor dun polo de innovación biotecnolóxica, que actuará como panca para o bioemprendemento de novas iniciativas empresariais e a atracción de empresas tractoras e intensivas en I+D+i.
Talento e capital humano; transferencia de resultados, comercialización e internacionalización; mobilización e atracción de capital; ecosistemas colaborativos e consolidación e difusión da biorrexión. Son os cinco eixos sobre os que actuará o Goberno galego para alcanzar os obxectivos expostos na folla de ruta do sector biotecnolóxico ata o ano 2025: incrementar nun 50% o número de empresas do sector; aumentar nun 50% a súa facturación; incrementar nun 25% o emprego; ampliar nun 45% o gasto en I+D+i, aumentar nun 300% o capital de investimento privado e afianzar a hibridación sectorial.
Un papel clave na transición dixital e enerxética
Durante a súa intervención na entrega dos IX Premios Bioga, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, lembrou o importante papel que xoga a biotecnoloxía ao facilitar a asunción de “retos importantes” como a loita contra o cambio climático e a promoción dun modo de vida máis saudable. “O ecosistema biotecnolóxico que se está impulsando en Galicia está a permitir afrontar proxectos importantes para superar a pandemia e para acelerar a transición ecolóxica e dixital”, subliñou.
Ademais das oportunidades que abrirán os fondos europeos Next Generation, a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025 supón unha aposta firme da Xunta de Galicia na materia, xa que na súa folla de ruta prevé, segundo indicou a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, durante a presentación da Estratexia no Parlamento de Galicia, triplicar os investimentos en 2025, mobilizando máis de 660 millóns de euros e xerando 60 novas empresas, 500 novos empregos e 250 investigadores incorporados ao ecosistema galego de I+D+i.
Valor económico e social
Os seis ámbitos de actuación prioritarios delimitados polo Goberno galego no seu plan de consolidación biotecnolóxica teñen un marcado carácter transversal. Os recursos mariños; o sector agrogandeiro e forestal; a alimentación para a saúde e o envellecemento activo; as TIC enfocadas a unha medicina personalizada; o desenvolvemento e produción de fármacos e vacinas; a economía circular e a bioenerxía contarán co impulso dunha biotecnoloxía capaz de xerar valor tanto económico como social e coa vista posta en incrementar a súa competitividade situando a Galicia como rexión de referencia.
O biotecnolóxico foi un dos sectores que maior capacidade de resposta demostraron durante a pandemia xerada pola covid-19. Tanto o traballo investigador para a consecución das vacinas como os test diagnósticos ou os diversos tratamentos, aínda en estudo, proporcionaron á biotecnoloxía un impulso en Galicia ao que a Xunta contribúe a través de diferentes liñas de axuda.
As necesidades derivadas dunha situación excepcional puxeron sobre a mesa non só a importancia do sector biotecnolóxico e, por tanto, da investigación, senón tamén a capacidade do tecido empresarial galego para responder a retos do calibre da produción da primeira vacina contra o SARS-CoV-2 fabricada na Unión Europea -a da farmacéutica americana Novavax, cuxa produción foi encargada ao grupo biofarmacéutico Zendal, no Porriño-.
Polo da Sionlla
Galicia quere aproveitar o potencial biotecnolóxico galego con actuacións como o centro de fabricación avanzada que se localizará no Polo da Sionlla de Santiago, unha cidade que pode considerarse un dos principais nós de coñecemento biotecnolóxico de Galicia. Neste sentido, o programa autonómico dos centros de fabricación avanzada, xunto co da Sionlla -que conta cunha axuda de 4 millóns de euros e 64.000 metros cadrados reservados a empresas biotecnolóxicas-, xa está a apoiar sete iniciativas en Galicia.