Ao día!
O sector naval aposta pola eólica mariña
Con máis de 1.500 km de costa, Galicia preséntase como un enclave privilexiado para o sector naval español. As condicións de abrigo das rías de Vigo e Pontevedra, a presenza dos estaleiros públicos na ría de Ferrol, e a existencia de estaleiros privados e empresas auxiliares en todas elas, fan que a comunidade sexa unha das primeiras en construción e reparación de buques.
Malia a súa gran reputación e do peso da industria naval galega no ámbito nacional, o actual contexto socioeconómico internacional obriga ao sector a revisar o seu modelo produtivo, para adecualo ás novas esixencias de sustentabilidade e dixitalización. Nesta liña trabállase a contrarreloxo, co obxectivo de que a comunidade manteña o seu liderado e diversifique as súas áreas de produción.
Segundo a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), a actividade naval galega empregou a máis de 8.000 persoas en 2021, e representou unha facturación de máis de 800 millóns de euros. Neste contexto, o presidente da entidade, Justo Sierra, considera que a creación de parques de enerxía eólica mariña supón unha oportunidade sen precedentes para Galicia. “Esta industria pode ser clave para afrontar os retos que se presentan: reducir a dependencia enerxética doutros países, dar resposta ao incremento no consumo eléctrico, e contribuír á descarbonización.”
Plan de consenso e compatible
O Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime), no seu informe sobre as potencialidades da eólica mariña en Galicia, defende a capacidade da cadea de valor e asegura que a offshore wind “pode xerar en Galicia ata 5.000 empregos directos de aquí a 2030, e chegar a producir 17.000 GW, unha cifra histórica na comunidade.”
Neste marco, a Xunta aposta por estudar as capacidades deste modelo enerxético na xeración de enerxía eléctrica sostible e de oportunidades no sector industrial, motivo polo cal creou o Observatorio de Eólica Mariña en 2021. Co devandito grupo de traballo busca analizar os diferentes aspectos do seu proceso, e garantir o seu desenvolvemento “desde o respecto ás actividades pesqueiras e á preservación do ecosistema mariño” segundo o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
Moito máis que barcos
Despois de aprobarse o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) do sector naval, que mobilizará 1.460 millóns de euros, Galicia pon en marcha a súa estratexia para impulsar a transformación dixital e sostible desta industria.
Ademais da formación de talento, a diversificación será un dos eixos sobre os que se incidirá nos próximos anos; de modo que os estaleiros, ademais de construír e reparar barcos, tamén se orienten cara á eólica mariña, como unha alternativa para mellorar a súa competitividade e potenciar o seu crecemento.
A comunidade autónoma ratifícase na súa aposta pola innovación, promovendo a dixitalización completa dos estaleiros e incentivando os combustibles alternativos (hidróxeno verde e gas), nos sistemas de propulsión de buques. Así mesmo, fomenta a compra pública, a redución de cargas administrativas para o sector e o apoio necesario para a internacionalización das empresas.
Potencia en offshore
As condicións climáticas e xeográficas de Galicia fan que esta sexa unha das rexións con maior recurso eólico offshore da península, contando ademais cun gran potencial industrial.
Empresas con gran experiencia como Navantia e Windar, levan anos traballando para Iberdrola na fabricación de parques eólicos mariños para diferentes países do mundo. As mesmas compañías (Iberdrola e UTE Navantia - Windar) alcanzaron un acordo marco para a fabricación do monopiles XXL desde Ferrolterra. Isto permitirá a subministración de 130 cimentacións e “xerar ata 400 millóns de euros no período de 2023 -2025”, segundo declarou o director comercial de Windar, Nacho Rodríguez Alegre, no marco da V edición congreso GOinterHUB, organizado por GOE-Asime, Windar Renovables, Navantia e a Xunta de Galicia.
Alianzas como a anterior permiten a incorporación doutras organizacións e fomentan a internacionalización de centos de empresas auxiliares que fortalecen o potencial galego no offshore mundial. Tanto é así que, segundo o responsable de Desenvolvemento de Negocio e División Comercial de Navantia, Antonio Sánchez, o 85% da eólica flotante que existe en Europa fíxose en Galicia, por ser “proxectos transportables e escalables que demostran a capacidade e o know- how de todo o sector.”