Inicio
Actualidade

Ao día!

21/06/2022

Galicia marca tendencia no contract

Comparte este artigo

O sector reforza a súa presenza en mercados internacionais, especialmente en América Latina

O contract galego converteuse nun dos mellores embaixadores da comunidade. Superando os 10.000 proxectos internacionais en máis de 800 cidades de todo o mundo, o mercado exterior xa representa un 95% da súa facturación.

Neste contexto, o sector construtivo galego supón un exemplo de especialización e reinvención en empresas de servizos de arquitectura e deseño, que amoblan, decoran e visten a establecementos comerciais, edificios emblemáticos, cadeas hostaleiras e grandes corporacións con presenza en numerosos países.

Para o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o contract promociona a nivel mundial a Marca Galicia subliñando que a comunidade “é un referente internacional, concretamente en Latinoamérica, onde as empresas galegas do sector contan con maior desenvolvemento e implantación”.

Algúns exemplos

A industria da construción soubo adaptarse aos novos escenarios comerciais, e fíxoo posicionando novas áreas de negocio como o contract nas súas prioridades de desenvolvemento.

O deseño de espazos interiores ou a creación de mobiliario singular para grandes cadeas do retail, edificios e hoteis marcaron a pauta para internacionalizar o traballo de empresas galegas de referencia.

Compañías como Aluman, que ten presenza en 51 países e 10 filiais en todo o mundo, conta con proxectos que chegan a sumar máis de 100 millóns de euros. 

Outro dos exemplos para destacar é o Grupo Ramón García, que centrou a súa expansión no contract, supoñendo na actualidade o seu maior volume de negocio. Conta cunha filial en México e con proxectos en 70 países.

Tattoo Contract, Ofimar, Grupo Malasa, Desarrolla ou o Grupo Cándido Hermida entre outras, completan unha oferta de servizos contract en auxe, que destaca polas súas altas capacidades en innovación, talento e calidade.

Contract e sustentabilidade

Parte do éxito do contract galego pasa pola súa vinculación coa industria forestal. 
Cada vez se utiliza con maior frecuencia a madeira no sector da construción, pola súa natureza sostible e a súa flexibilidade de aplicación en diversos produtos.

Segundo o presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias, “a madeira responde aos retos da bioeconomía e ás demandas dos usuarios que buscan produtos sostibles”. Tamén destaca “a súa versatilidade á hora de integrarse en diferentes contornas, as múltiples posibilidades que ofrece no deseño de obxectos e todas as súas calidades naturais que coidan da saúde dos seus usuarios e do medio ambiente”.

Para Iglesias, o contract constitúe un “escaparate de luxo onde a sociedade pode admirar as posibilidades que ofrece a madeira nas súas múltiples aplicacións, deseños e acabados.” Así mesmo, asegura que se se consegue xerar o material necesario para este sector, fortalecerase a cadea de valor e vincularanse directamente as necesidades do mercado coas capacidades de produción do monte galego.

Semana Internacional do Contract

Desde hai máis de 10 anos a Xunta de Galicia organiza de maneira periódica a Semana Internacional do Contract, co obxectivo de expoñer as últimas tendencias do sector e abrir un espazo de diálogo entre as diferentes empresas e subscritores. Desta maneira, Galicia sitúase como anfitrioa e posiciona ao seu tecido empresarial como referente do contract internacional.

Durante a última edición do encontro, a Xunta de Galicia marcou a sustentabilidade e a dixitalización como os principais obxectivos do sector. Así mesmo, fixo fincapé na importancia dos proxectos candidatos aos fondos europeos centrados na construción con madeira, o ecodeseño, a dixitalización da industria forestal e a creación dun laboratorio de novos materiais.

Tamén pode interesarche