Inicio
Actualidade

Ao día!

14/07/2022

Entrevista ao presidente da Asociación Galega do Hidróxeno, José Ramón Ferreiro

Comparte este artigo

“O sector enerxético está inmerso nun gran cambio e Galicia debe xogar un papel clave”

O hidróxeno verde preséntase como unha peza estratéxica para a descarbonización, permitindo desenvolver toda a cadea de valor no ámbito industrial. Para o presidente da Asociación Galega do Hidróxeno, José Ramón Ferreiro, Galicia está en disposición de liderar o sector a nivel europeo

Cales son os obxectivos principais da Asociación Galega do Hidróxeno?

Aínda que se presentou oficialmente en marzo, levabamos máis de dous anos traballando no proxecto. O obxectivo principal é unificar ás empresas e organismos do sector para conseguir unha maior penetración das enerxías renovables no sistema eléctrico; converter a Galicia nunha das rexións líderes en xeración de enerxía renovable e hidróxeno verde; potenciar a I+D+i enerxética rexional; impulsar proxectos a través dos cales se reduzan as emisións de CO₂ e propiciar un marco regulatorio de certificacións, normativas e de formación.

Por que é importante o hidróxeno verde para Galicia?

A descarbonización é un obxectivo clave na política de desenvolvemento e sustentabilidade a nivel nacional, europeo e internacional. O hidróxeno verde, aquel producido a través de enerxías renovables, preséntase como unha das principais solucións que permitirán axudar a crear unha economía sostible de alto valor engadido.

Tal é a importancia do hidróxeno verde no novo marco regulatorio europeo, que se creou a nivel nacional a denominada “Folla de Ruta do Hidróxeno: unha aposta polo hidróxeno renovable”, que ten como obxecto identificar os retos e oportunidades para desenvolver tecnoloxías en base ao hidróxeno en España.

O sector enerxético está inmerso nun gran cambio e Galicia debe xogar un papel clave e posicionarse como unha das zonas de referencia para o desenvolvemento do hidróxeno verde. Debe aproveitar o seu liderado nacional en capacidade de xeración de enerxía renovable e tratar de ser pioneira na descarbonización.

Cales son as vantaxes ambientais do hidróxeno verde?

A maneira máis gráfica de responder é lembrando a presentación dun novo modelo dunha marca automobilística, na que o CEO da compañía, ao empezar a súa exposición, acendeu o coche e situou un vaso baleiro debaixo do tubo de escape. Ao finalizar a presentación, colleu o vaso e bebeu a auga que saíra do tubo. 

Que mellor vantaxe que conseguir cero emisións? Ademais, pódese conseguir a partir de varios procesos como o da biomasa, facendo un mellor aproveitamento das instalacións enerxéticas. O hidróxeno verde permitirá unha economía circular na que reciclar será moito máis fácil e máis beneficioso para o medio ambiente.

Galicia podería liderar a carreira polo desenvolvemento do hidróxeno verde?

A Comunidade galega ten un tecido empresarial que pode conseguir todo o que se propoña, pero debemos de ir da man co resto de rexións. Desta maneira xuntaremos esforzos e evitaremos duplicidades de investimentos. 

A través da Asociación, en Galicia contamos co apoio do Centro Nacional do Hidróxeno que nos achega unha visión global dos proxectos que están en marcha, algo que sen dúbida é moi positivo para as iniciativas impulsadas desde a comunidade.

Tamén pode interesarche