Ao día!
BFAero
O 15 de xuño abriu a nova convocatoria da Business Factory Aero (BFAero) cun enfoque máis internacional e na busca de sinerxías co Polo Aeroespacial de Galicia. A Xunta compromete dúas novas edicións, a cuarta e a quinta, cun investimento total de 7,2 millóns de euros cos que se pretende apoiar a 25 empresas do sector.
O obxectivo é potenciar o ecosistema tecnolóxico facendo da BFAero un referente na Unión Europea de innovación aberta e disruptiva. A aceleradora xa favoreceu, nas súas tres primeiras edicións, a participación de 19 proxectos, a creación de 8 e un investimento de 5 millóns de euros.
A BFAero é un programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas que se centra no sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados, e que aspira a atraer o mellor talento a Galicia, poñendo a disposición dos emprendedores financiamento, infraestruturas tecnolóxicas e soporte cos que desenvolver o seu proxecto empresarial.
O aeronáutico e dos vehículos non tripulados é un sector cun gran potencial de crecemento que, grazas ás políticas levadas a cabo pola Administración autonómica e o concurso de diversas institucións e empresas, conta en Galicia cunha plataforma ideal para innovar, desenvolverse e dar servizo a clientes locais, nacionais e internacionais.
Trátase dunha aceleradora que está xestionada pola Fundación CEL – Iniciativas por Lugo e promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) -órgano xestor do Polo Aeroespacial de Galicia-, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Cerrado (XesGalicia).
Participar no Polo Aeroespacial de Galicia implica ter acceso a máis de 50 potenciais socios tecnolóxicos, beneficiarse das accións de comercialización conxunta de produtos e solucións ou poder estar presente en misións internacionais nas principais feiras de UAVs a nivel mundial. Xunto a isto, ser parte da Civil UAVs Initiative supón acceder a infraestruturas líderes no mundo (como o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas) ou intervir en accións de intercambio de coñecemento técnico, como o Foro Técnico anual da iniciativa.
Tres modalidades de apoio
A través das súas tres modalidades de apoio -de incubación (12 meses), de aceleración (8 meses) e de consolidación (4 meses)-, BFAero ten capacidade para cubrir as distintas etapas de evolución de calquera proxecto de emprendemento no ámbito aeronáutico e dos vehículos non tripulados, dende as fases máis temperás, de ideación, ata as máis maduras. Os proxectos teñen acceso, entre outros medios, ás instalacións do aeródromo de Rozas, ademais doutras infraestruturas e equipos proporcionados polas entidades colaboradoras de BFAero. Os proxectos terán ademais acceso bonificado para o uso das instalacións do aeródromo de Rozas para a súa utilización.
A fase de selección é o período no que se determinarán os proxectos participantes na BFAero tanto na súa modalidade de incubación (máximo 3 proxectos) como de aceleración (máximo 5 proxectos) ou de consolidación (3 proxectos).
Esta cuarta edición, na que se apoiarán ata 11 proxectos, conta cun itinerario de incubación dirixido fundamentalmente a iniciativas emprendedoras no sector aeroespacial -tanto spin-offs, como start-ups e spin-outs-, un itinerario de aceleración para empresas que xa dispoñan dun produto mínimo viable, e un novo itinerario de consolidación para empresas cunha antigüidade máxima de ata sete anos con alta capacidade de crecemento internacional.
Os proxectos seleccionados nesta cuarta edición da BFAero dispoñerán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, no programa de incubación accederán a axudas por parte da Axencia Galega de Innovación de 40.000 euros. No caso dos proxectos de aceleración, poderán acceder a apoios de ata 60.000 euros da Axencia Galega de Innovación e a préstamos participativos ou capital risco de ata 50.000 euros de XesGalicia e, nos de consolidación, 30.000 euros de axudas por parte de Gain e ata 250.000 de financiamento de XesGalicia.
Ademais, todos os proxectos seleccionados, independentemente de que participen na modalidade de incubación, aceleración ou consolidación, beneficiaranse dun bono de 10.000 euros para empregar servizos e infraestruturas do Polo Aeroespacial de Galicia, entre os que se inclúen horas de voo ou apoio en certificacións do sector. Contarán tamén cun completo programa de formación e con titores especializados no sector aeroespacial.
A convocatoria para participar nesta cuarta edición da BFAero está aberta ata o 15 de agosto ás 14 horas.