Inicio
Actualidade

Ao día!

28/07/2022

Galicia Calidade, o selo que nos identifica

Comparte este artigo

Este selo non só identifica a orixe galega, senón tamén a calidade e excelencia dos produtos e servizos

O selo Galicia Calidade naceu no ano 1995 para distinguir produtos ou servizos que pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, merezan esta distinción, unha vez contrastada a súa calidade mediante as auditorías de control.

Como selo de garantía, Galicia Calidade é un compromiso cos clientes e usuarios que lles asegura que estes produtos e servizos contan cos requisitos prometidos e poden consumirse con total confianza.

Galicia Calidade esixe ás empresas que apliquen os máis estritos controis homologados para garantir a calidade dos seus produtos e servizos, e certifica o seu cumprimento mediante auditorías propias periódicas.

As empresas de servizos que conten con selos de calidade recoñecidos e homologados, como Q de calidade para establecementos turísticos, poderán ser certificados por Galicia Calidade sempre e cando cumpran cos pregos de condicións establecidos.

Desde a súa constitución, Galicia Calidade certificou os produtos das empresas máis emblemáticas de Galicia, pertencentes a diversos sectores e firmas representativas da economía da comunidade autónoma. Na actualidade, preto de 150 empresas están acollidas á marca Galicia Calidade, que certifica a calidade de máis de 500 referencias de sectores como o viño, a hortofruticultura, a xoiaría, a avicultura ou o turismo.

Galicia Calidade aplica a todos os produtos certificados as auditorías de calidade previstas nas súas normativas internas e as súas posteriores supervisións para garantir aos consumidores e usuarios que os produtos con este selo cumpren os requisitos esixidos.

O selo tivo desde o seu nacemento un carácter multisectorial. No ano 2015, Galicia Calidade asinou un convenio co Clúster de Turismo de Galicia para que os restaurantes, hoteis e casas rurais puidesen obter o selo da marca ao entender, segundo explica o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, “que a mellor marca de calidade que ten Galicia é Galicia Calidade”. “Un selo que -segundo precisa- dá clientes polo seu recoñecemento e porque nos identifica coa calidade suprema”. 

Establecementos nos que recoñecer Galicia

Ana Méndez, a directora xerente de Galicia Calidade, explica que o máis importante como o nome indica é “unha veracidade sobre a calidade do establecemento e do que ofrece”. “É unha certificación ao territorio galego porque inclúe servizos que fan que a xente recoñeza a Galicia nese establecemento, non só nos produtos, senón tamén a través das localizacións deses negocios, por exemplo”.

Os establecementos que soliciten o uso da marca de garantía deben reunir uns requisitos básicos, entre os que se atopan a certificación da marca Q de calidade turística, unha licenza de actividade, unha experiencia mínima de dous anos e que a oferta gastronómica conte cunha proporción significativa de pratos galegos coa inclusión de materiais de orixe galega certificada (Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas Protexidas Galegas, Galicia Calidade, Pesca de Rías ou outras certificacións equivalentes). En función do establecemento, debe existir unha ampla representación de viños das Denominacións de Orixe Protexidas galegas e os augardentes, o licor café e o de herbas deben estar amparados polas súas correspondentes Denominacións. Tamén se valoran as características do establecemento; en concreto, a situación, paisaxe, espazo natural e a súa arquitectura. 

No caso concreto do sector hostaleiro, a día de hoxe rexístranse baixo o paraugas Galicia Calidade 37 establecementos entre restaurantes, hoteis e casas rurais.

Os últimos en acadar o certificado foron Retiro da Costiña, en Santa Comba, e Hotel Bela Fisterra, nesta localidade coruñesa.

Xunto a eles fan as delicias dos padais máis esixentes establecementos de renome como A Tafona de Lucía Freitas (Santiago de Compostela), o Hotel Augusta (Sanxenxo), o Restaurante España (Lugo) ou A Taberna (Ourense). Todos eles incorporan unha oferta gastronómica baseada nos produtos galegos de alta calidade que, xunto con outros elementos como a arquitectura ou a localización dos locais, os converte en auténticos embaixadores de Galicia alén das nosas fronteiras.

Tamén pode interesarche