Inicio
Actualidade

Ao día!

24/08/2022

IFI INNOVA: financiamento para que microempresas e pemes galegas desenvolvan os seus proxectos innovadores

Comparte este artigo

A Xunta de Galicia destina 2,5M€ á liña de préstamos IFI Innova, da que xa se beneficiaron 31 proxectos nas dúas primeiras convocatorias

Os préstamos IFI Innova, xestionados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), naceron en 2018 cun obxectivo claro: intensificar o apoio ás micro, pequenas e medianas empresas galegas no financiamento de novos proxectos innovadores. Deste xeito, constitúen unha ferramenta clave para mellorar a posición competitiva e a capacidade innovadora do noso tecido empresarial. Os proxectos deben estar aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 de Galicia.

Esta liña de préstamos ofrece condicións vantaxosas, especialmente interesantes nun contexto como o actual.

Poden ser solicitados por micro, pequenas e medianas empresas galegas, con especial atención ás de base tecnolóxica, en fase semente ou startup, pero tamén pemes de traxectoria contrastada que desexen emprender proxectos innovadores.

Considéranse custos financiables os gastos de persoal vinculados ao desenvolvemento do proxecto, custos de bens de equipo, de investigación ou de contratación de entidades de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico.

  • Importe do préstamo solicitado:entre 50.000 e 500.000 euros.
  • Esquema de financiamento: o 70% por parte de IFI Innova e o restante 30%, fondos propios ou crédito bancario
  • Tipo de interese fixo:Euríbor a un ano +0,10%
  • Prazo de devolución:ata 12 anos
  • Período de carencia de ata 4 anos
  • Sen garantías ata 200.000 euros

 Apoio a pemes innovadoras

A través das dúas edicións anteriores deste programa, convocado en 2018 e 2020, apoiáronse xa un total de 31 proxectos de pemes galegas cun investimento de 5,25 millóns de euros e unha mobilización total de fondos de preto de 7,6 millóns.

Un exemplo de proxecto innovador apoiado por este instrumento é o de Boibel Forestal, empresa de Frades (A Coruña) dedicada aos servizos forestais. O apoio de IFI Innova permitiulle valorizar o coñecemento biotecnolóxico obtido a partir de anos de investigación arredor da produción de extractos e da bioquímica de clons híbridos resistentes á enfermidade da tinta, de Castanea Xhybrida, levar ao mercado un produto novidoso, contribuír á economía circular comercializando un subproduto da biomasa forestal, así como dirixirse a mercados de alto valor engadido.

Outro caso de éxito IFI Innova é o da startup biotecnolóxica BFlow, adicada  ao desenvolvemento de dispositivos que imitan o comportamento dun órgano humano no laboratorio, o que permite reducir o tempo e custo no desenvolvemento de fármacos e estudos en animais.

A convocatoria deste instrumento de financiamento está dotada para esta nova convocatoria con 2,5 millóns de euros, cofinanciados a través dos fondos europeos Feder. O prazo para presentar as solicitudes  está aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou esgotamento de crédito.

Tamén pode interesarche