Ao día!
Galicia avanza na creación de novos centros de fabricación avanzada
A Xunta de Galicia vén de aprobar unha nova convocatoria para a creación de novos centros de fabricación avanzada. O obxectivo deste programa é pór a disposición das empresas espazos de innovación abertos e de uso compartido, dotados do equipamento tecnolóxico preciso para o seu uso por parte de toda a cadea de valor de sectores especializados. Búscase así xerar sinerxías para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos e do tecido empresarial.
Esta liña de axudas impulsada pola Xunta facilita o desenvolvemento de iniciativas que redunden nunha mellora da competitividade territorial e empresarial de Galicia. Nunha primeira fase actívanse 5 millóns de euros para proxectos de grandes empresas, reservando o dobre (10 millóns de euros), para un segundo prazo de solicitudes dirixido exclusivamente a pequenas empresas.
O prazo de presentación de solicitudes para a primeira fase estará aberto ata o 10 de outubro.
A activación desta primeira fase da convocatoria faise tras constatar o interese de grandes empresas na consulta realizada ás compañías e demais operadores económicos galegos que puidesen ser potenciais interesados en acceder a unha liña de axudas destas características, centrada na posta en marcha de fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados.
Estas grandes empresas teñen ao seu dispor unha liña de apoios que atende aos investimentos en activos fixos materiais e inmateriais, desde a adquisición de inmobles, obras e reformas, ata maquinaria e bens de equipamento, e tamén outros activos fixos materiais incluíndo mobiliario e intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo. O límite máximo do investimento global para a creación da infraestrutura é de 20 millóns de euros. O programa prevé anticipos que poden chegar ata o 80%.
Seis centros en marcha
A primeira edición deste programa impulsou a creación de seis centros de fabricación avanzada en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario.
En concreto, a Xunta achega 4,82 millóns de euros para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña, que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector.
O centro de fabricación avanzada da Sionlla (Santiago de Compostela) recibiu unha axuda de máis de 4 millóns de euros para prover ao sector biotecnolóxico de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A infraestrutura enmárcase no Polo Biotecnolóxico da Sionlla, que fará de Galicia un referente neste sector. As novas instalacións, que prevén abrir en 2023, van estar a disposición das empresas do sector, que van poder acceder a servizos innovadores adaptados ás súas necesidades, como laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común.
O terceiro proxecto é o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, cun apoio de 2 millóns de euros. Situado en Narón, nace co obxectivo de facilitar a realización de máis traballos que teñan como base o aceiro, como poden ser os buques.
No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa. O centro nace para fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. A idea é conxugar innovación, emprendemento e formación a partir da dixitalización.
Finalmente, a Xunta apoiou a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4 millóns de euros para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade e concedéronse 2,5 millóns de euros á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis, para impulsar un centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido.