Inicio
Actualidade

Ao día!

15/09/2022

Antenas empresariais de apoio á internacionalización

Comparte este artigo

A Xunta, a través do Igape, conta con oficinas en Estados Unidos, México, Perú, Marrocos e China para impulsar as exportacións e a internacionalización do tecido empresarial galego

A Xunta conta con antenas comerciais en varias cidades do mundo que teñen como función principal apoiar ás empresas, organismos intermedios e Institucións galegas no seu proceso, presenza e acceso a novos mercados internacionais.

Estas antenas complementan un amplo abanico de instrumentos pensados para impulsar o aumento en cantidade, calidade e impacto efectivos das exportacións da empresa galega, a diversificación de mercados, a internacionalización dixital e a formación e posta ao dispor das firmas de talento internacional.

A Administración autonómica, a través do Igape, pon gratuitamente ao dispor das empresas galegas esta ferramenta para que poidan acceder a todo tipo de información, establecemento de contactos, procura de novos clientes, preparación de axendas, etcétera, naqueles mercados nos que dispoñen de antena. Agora mesmo, existen estas oficinas en Estados Unidos (Miami), México, Perú, Marrocos e China.

Tamén hai unha antena en Reino Unido para cuestións relacionadas co Brexit. O traballo que desenvolve ten que ver con asesoría laboral, asesoría fiscal, xestión aduaneira e administrativa, mobilidade de traballadores, cadea de subministracións, homologación de produto e novas certificacións e propiedade industrial. Está previsto que nos próximos meses entren en funcionamento a antena de Emiratos e a de Xapón.

Toda empresa galega que queira entrar en contacto cunha das antenas do Igape debe facer unha solicitude a través da páxina web, especificando que tipo de servizo ou información require. A partir de aí, a propia antena ponse en contacto co solicitante e comeza a prestación do servizo.

Obxectivos

Un dos obxectivos fundamentais do Igape é o de impulsar a internacionalización das empresas galegas, para incrementar así a súa competitividade. A través desta rede de antenas, o Igape ofrece servizos de apoio á internacionalización nuns países determinados que ofrecen servizos individualizados e gratuítos para as empresas e asociacións empresariais galegas. Trátase de tender unha ponte que una á empresa galega cun mercado de destino permitindo a súa internacionalización de forma adecuada.

Os servizos que presta a rede de antenas do Igape son fundamentalmente: o acompañamento e asesoramento inicial nunha Joint Venture, identificación de socios, apoio á implantación en destino, elaboración de axenda comercial e reunións empresariais, información e apoio puntual á expansión comercial en destino e seguimento inicial de contactos comerciais.

As antenas traballan con distintas ferramentas (celebración de webinarios, reunións b2b, misións comerciais, contactos telefónicos con empresas/organismos, participación en eventos, oportunidades que detectan no seu ámbito), co obxectivo de lograr o contacto comercial entre empresas galegas e empresas nos seus países. Desde as antenas trátase de identificar oportunidades de negocio, en atención a sectores onde poidan contar con oferta de produtos e servizos que poidan cubrir as empresas galegas.

Récord de exportacións

As antenas empresariais son un dos instrumentos chave na Estratexia de Internacionalización de Galicia, que ten como principais obxectivos a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. As exportacións galegas rexistraron un novo récord histórico no primeiro semestre de 2022, ao alcanzar os 14.406 millóns de euros de vendas no exterior de xaneiro a xuño, o que supón un 27,1% máis que no mesmo período de 2021.

O fomento da innovación, a atracción de talento internacional, o acompañamento e a difusión dos casos de éxito son algunhas das liñas de actuación nas que xa se está traballando para continuar reforzando as exportacións galegas.

Tamén pode interesarche