Ao día!
Apoios á eficiencia enerxética para pemes e empresas
Ata o 31 de decembro do 2023 está aberta a liña de axudas para autoconsumo eléctrico, dotada con 39,6 M€. Poden beneficiarse empresas, autónomos e outras entidades con actividade económica (incluíndo comunidades enerxéticas locais). As actuacións subvencionables refírense a enerxía fotovoltaica e eólica con/sen almacenamento e proxectos de almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes. O importe da axuda varía en función da tipoloxía da empresa, tecnoloxía e potencia da instalación, sendo o límite de potencia ata 5 MW para a súa concesión.
A boa acollida desta liña de axudas levou á Xunta a ampliar a convocatoria duplicando o orzamento inicial. Existen fondos dispoñibles en todos os programas, especialmente en eólica e almacenamento.
A outra liña de axudas aberta é para renovables térmicas da que poden beneficiarse empresas, autónomos e outras entidades con actividade económica. Son actuacións subvencionables as instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e outros sectores da economía, incluíndo o sector residencial. Subvenciónase tecnoloxías como a aerotermia, xeotermia, hidrotermia, biomasa e solar.
A contía da axuda varía en función da tipoloxía da empresa, -pode ir dun 35-40-45% sumando un 5% máis se son municipios de Reto Demográfico-, e da tecnoloxía. As axudas poidan solicitarse ata o 31 de decembro do 2023 e están dotadas inicialmente con 6,11 millóns de euros.
A maiores, existe unha liña de axudas para eficiencia enerxética no sector industrial para pemes e grandes empresas. Poden solicitar subvención para actuacións de mellora de tecnoloxía en equipos e procesos industriais e implantación de sistemas de xestión enerxética. Poden pedirse ata xuño do ano 2023 e están dotadas cun orzamento de 30,7 M€.
Pemes e grandes empresas poden acollerse ás axudas para eficiencia enerxética no sector industrial e servizos á que a Xunta destina 5M€. As actuacións subvencionables son proxectos de aforro e eficiencia no sector industrial ou servizos. Esta liña de axudas está aberta ata o 3 de outubro deste ano.
As persoas físicas e xurídicas do sector agropecuario teñen á súa disposición 1,6 M€ para axudas de eficiencia enerxética. Poden subvencionar actuacións relacionadas con proxectos de mellora da eficiencia enerxética das súas explotacións ata un máximo de 30% de investimento elixible e 1 millón de euros/proxecto. A convocatoria está aberta ata o 31 de decembro de 2023.
O programa MOVES III reserva 18,3 M€ a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro, Sector Público, Comunidades de Propietarios e empresas cuxa xestión se fai a través de entidades colaboradoras. Subvencionan vehículos eléctricos, -entre 700 e 9.900 euros por vehículo en función das características do vehículo e tipo de beneficiario-, e puntos de recarga, entre o 30-80% do custo subvencionable en función do tipo de beneficiario e da localización. Poden solicitarse ata o 31 de decembro de 2023.