Inicio
Actualidade

Ao día!

26/09/2022

A Xunta de Galicia impulsa a rede de Mercados Excelentes

Comparte este artigo

O novo programa de axudas para dinamizar as prazas de abastos está dotado con 870.000 euros

Os mercados e as prazas de abastos son espazos comerciais que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandería. Son, polo tanto, fundamentais para o impulso do comercio de proximidade e tamén para a rexeneración das contornas urbanas das vilas e cidades.

Por iso, co selo de Mercado Excelente, a Xunta de Galicia busca recoñecer a calidade das infraestruturas, servizos e produtos das prazas e mercados galegos, premiando as actuacións encamiñadas ao seu desenvolvemento e actualización, e pon á súa disposición as ferramentas e o asesoramento e financiamento necesarios.

O novo programa de axudas para impulsar a dinamización das prazas e a rede de Mercados Excelentes está dotado con 870.000 euros, destinados a desenvolver e actualizar os mercados e as prazas de abastos de Galicia. O Goberno galego subvenciona investimentos de ata 100.000 euros para que os concellos melloren a calidade dos servizos e a eficiencia enerxética destes espazos.

As axudas teñen dous destinatarios diferenciados: os concellos galegos e as federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos.

En concreto, poden solicitar as axudas os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Tamén poden tramitar estas axudas as federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, as federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde, de 9 de setembro de 2022, e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Liñas de axuda

A convocatoria contempla diferentes actuacións subvencionables, segundo cada un dos beneficiarios. No caso dos concellos, existen tres liñas de axuda: a liña 1, de impulso dunha rede de Mercados Excelentes, diferenciando actuacións para os concellos que xa dispoñan do selo, daqueles que aínda non o solicitaron, xa que as actuacións de preparación para a obtención do selo de mercado excelente son tamén computables; a liña 2, de equipamento comercial: e a liña 3, orientada a actuacións de eficiencia enerxética.

No caso das asociacións de prazas de abastos e mercados, consideraranse subvencionables as actuacións de mantemento dos marketplaces, actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela (loxística e-commerce, app, ticket de parking) ou adquisición de equipamentos do mercado e dos praceiros e praceiras.

Finalmente, as federacións de prazas de abastos e mercados poderán optar a axudas para mantemento de marketplaces ou a realización de campañas en datas ou períodos comerciais.

En resumo, a través das diferentes liñas de axuda realizaranse melloras en accesos e infraestruturas, no mantemento ou na eficiencia enerxética, de acordo ao compromiso do Goberno galego de colaborar cos comerciantes, pemes e autónomos para facer fronte aos problemas actuais do prezo eléctrico. Tamén se impulsará a mellora dos servizos á clientela, a creación de marketplaces ou campañas de dinamización.

As subvencións para o impulso da rede de Mercados Excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos poden solicitarse ata o 6 de outubro.

Nos últimos seis anos a Xunta de Galicia destinou 2,6 millóns de euros á mellora e promoción das prazas de abastos a través das ordes de axudas destinadas a concellos e asociacións de comerciantes.

Tamén pode interesarche