Inicio
Actualidade

Ao día!

07/10/2022

A Axenda financeira galega, músculo para o tecido empresarial

Comparte este artigo

Contempla distintas medidas que suman un total de 135,5 millóns de euros, reforzando o capital e os fondos propios das empresas galegas

O Goberno galego ten en marcha a Axenda Financeira 2022, unha folla de ruta con diferentes programas de apoio ás empresas co obxectivo de contribuír á reactivación económica e á mellora da competitividade do tecido empresarial ante un contexto económico adverso. Con este documento, a Xunta de Galicia pretende reforzar a solvencia das empresas e facilitarlles o acceso ao crédito para que poidan gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica e á competitividade dos sectores estratéxicos galegos.

A Axenda Financeira 2022 incorpora distintas medidas que suman un total de 135,5 millóns de euros, reforzando o capital e os fondos propios das empresas galegas, e dos que se agarda unha mobilización público-privada de 400 millóns de euros, o triplo que o ano anterior.

A estratexia recolle tres liñas de actuación: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas, o acceso a instrumentos de débeda e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.

Reforzo do capital

En relación co capital, ponse en marcha o programa de Transformación Empresarial, que conta cun orzamento de 30 millóns de euros e combina financiamento e consultaría estratéxica. Este instrumento deseñouse para impulsar proxectos de internacionalización e para reforzar a competitividade das empresas a través da dixitalización e a innovación, o financiamento de proxectos de integración, a mellora de produtos e procesos, a profesionalización de equipos directivos e a reestruturación das sociedades.

Acceso a instrumentos de débeda

A Axenda Financeira de Galicia incorpora a concesión de préstamos para afrontar as posibles débedas do tecido empresarial galego. En concreto, contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva das empresas. Estes préstamos teñen un tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado e unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír un ano de carencia.

Tamén está previsto que haxa préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia. Neste caso concreto, as contías oscilan entre os 300.000 euros e o millón de euros. Os tipos de xuro teñen unha bonificación de ata o 1,5%.

A maiores, a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ten aberta a convocatoria do programa de préstamos IFI Innova, que permiten o financiamento de proxectos innovadores de pequenas e medianas empresas, con contías de entre 50.000 e 500.000 euros.

As empresas teñen tamén ao seu dispor unha liña de préstamos por valor de 22 millóns de euros, parcialmente reembolsables que combinan o endebedamento e axudas para acometer un investimento determinado. É a primeira vez que se lles ofrece ás empresas a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para financiar os seus proxectos.

Neste caso o beneficiario recibirá un préstamo como forma de apoio para poder acometer un investimento. No caso de executar en tempo e forma o proxecto para o que se solicita o investimento, e de cumprir coas condicións para beneficiarse da axuda directa, unha parte do préstamo convértese en non reembolsable.

Oferta de garantías

A terceira liña de actuación da Axenda Financeira está orientada á concesión de garantías a través dos programas de avais e de reavais do Igape. O primeiro está dotado con preto de 4 millóns de euros para cubrir ata o 70% do risco da operación de financiamento á que se desexa acceder. No caso dos reavais, en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, destínanse máis de 10 millóns de euros a garantías para acceder a capital circulante, a investimentos empresariais ou a operacións de tráfico nacional ou internacional. 

Tamén pode interesarche