Inicio
Actualidade

Ao día!

20/10/2022

Entrevista a Adriana Domínguez, presidenta de Adolfo Domínguez

Comparte este artigo

 “É fundamental non perder a conexión co que somos; é o que nos fai xenuínos e iso para nós é Galicia”

Falamos con Adriana Domínguez, presidenta do grupo de moda Adolfo Domínguez, a executiva galega con mellor reputación empresarial segundo a clasificación elaborada por Merco na súa edición de 2021. Con ela afrontamos os retos do futuro do téxtil galego e a substitución xeracional en clave feminina.

Adolfo Domínguez é unha marca de moda de autor con máis de 40 anos de historia. Na actualidade, conta con 350 tendas en 19 países de todo o mundo e unha facturación anual de 92 millóns de euros (exercicio completo 2021/2022), un 40% máis que no período anterior.

Cales son as cifras que avalan o bo momento que atravesa a compañía?

As nosas vendas crecen un 31% no primeiro trimestre (marzo-maio 2022, últimos datos publicados) respecto ao mesmo período do ano anterior coa reactivación exponencial da vida social. E sitúanse xa ao 94% comparado cos niveis pre-covid. Hoxe somos máis eficientes que cando comezou a crise, mellorando as nosas vendas por tenda. Encadeamos catro trimestres con resultado operativo positivo e todo sen deixar de apostar por abrir novas tendas nas mellores rúas e centros comerciais para potenciar a nosa actividade e visibilidade.

Que aprendizaxe trouxo consigo a pandemia ao mundo da moda e de que xeito se aplica esa ensinanza adquirida nese tempo en Adolfo Domínguez?  

Na moda estamos afeitos ao cambio, pero a pandemia obrigounos a ser aínda máis áxiles. No noso caso, viñamos dun período de transformación profundo e xa nos colleu en movemento. Somos unha marca de moda de autor con alma de start-up. Probamos algo e, se funciona, consolídase. Se non, cámbiase. É ese espírito o que nos permitiu avanzar a pesar da conxuntura global adversa.

Que compromiso hai detrás dunha colección sostible?

Somos unha empresa cun compromiso ambiental que se remonta décadas. Nos 80 abanderamos o liño, recoñecido por necesitar menos auga para o seu cultivo. En 2010 elaboramos o noso primeiro Manifesto Animal e lanzamos unha colección de bolsos veganos, que agora está entre os nosos produtos máis vendidos. A sustentabilidade é un moving target, un obxectivo en movemento. Hai moita innovación. A mellor práctica deste ano non necesariamente é a do ano que vén.

En Adolfo Domínguez estamos a facer unha viaxe de coidar a materia prima. Algodóns e liños orgánicos, ou reciclaxes, fibras sintéticas recicladas, ou tecidos que saen de circuítos pechados que non polucionan ao exterior. É un proceso complexo asegurar a rastrexabilidade e ter provedores e socios adecuados que nos permitan transitar por este camiño.

Como apostan pola innovación na súa actividade?

Son poucas as marcas que conseguimos permanecer máis de catro décadas no mercado. Para facelo é necesario reinventarse continuamente. Desde fai tres anos, cambiamos a forma de deseñar coa implantación dun novo método de traballo chamado Agora que impulsa a creatividade e liberdade artística dos nosos deseñadores. E apoiámonos nos avances tecnolóxicos e a intelixencia artificial para lanzar o primeiro persoal shopper en liña dunha marca de moda en Europa.

Que retos afronta o sector da moda en Galicia? Avanzouse máis na internacionalización ou na dixitalización? Apóstase por estar en máis puntos de venda ou pola tenda online?

O principal reto que afrontamos como sector e como sociedade é o de reducir o impacto negativo que as nosas accións teñen no medio ambiente. O avance da internacionalización e dixitalización son claves para o crecemento dos negocios, pero debemos reformularnos tamén o modelo de consumo.

A moda de luxo e a premium, que é onde nos situamos nós, están nun lugar especial para facer exactamente iso: coidar as calidades, acabados e deseños coa intención de que as cousas duren no teu armario. E é tamén unha responsabilidade da sociedade en xeral. As eleccións que facemos á hora de consumir son un acto político.

Cales son as vantaxes de radicar en Galicia?

Nun mundo saturado de marcas e produtos, é fundamental non perder a conexión co que somos. É o que nos fai xenuínos. E iso para nós é Galicia.

No mundo da moda vemos un liderado importante das mulleres. Que favoreceu que se avanzase máis na igualdade neste sector?

A moda é un sector bastante avanzado porque está cheo de creativos, xente pioneira que reinventa os códigos sociais. En Adolfo Domínguez as mulleres somos maioría no persoal e estamos no primeiro plano na dirección.

Cales son os plans de futuro de Adriana Domínguez?

When you know better, you do better. Cando entendes mellor, fas mellor. Quero seguir aprendendo para facer mellor as cousas. 

Tamén pode interesarche