Inicio
Actualidade

Ao día!

25/10/2022

Drons para impulsar a agricultura intelixente e a mellora dos servizos públicos

Comparte este artigo

Para a empresa de Nigrán UAV Instruments o seu paso polo Polo Aeroespacial de Galicia e a participación na terceira edición de Business Factory Aero supuxo a consolidación da súa estratexia empresarial

UAV Instruments nace na primavera de 2016 froito do esforzo e a visión de dúas empresas cunha traxectoria ben contrastada neste sector dos vehículos aéreos non tripulados. A primeira, Cartogalicia, con máis de dez anos de experiencia na utilización de plataformas aéreas non tripuladas para o sector topográfico, e a segunda, ANSI, enxeñería orientada aos servizos industriais desde o deseño de solucións innovadoras. A estratexia empresarial de UAV Instruments céntrase no desenvolvemento de diferentes plataformas voadoras con diferentes capacidades de carga útil e autonomía.

En 2017 Marine Instruments (Premio Nacional de Innovación 2022 na categoría de pemes outorgado polo Ministerio de Ciencia e Innovación) adquire unha parte maioritaria de UAV Instruments. A empresa con sede en Nigrán destacou desde os seus inicios e a nivel global no desenvolvemento e fabricación de boias satelitales e equipos de seguimento para a industria pesqueira e leva dous anos desenvolvendo unha solución baseada nun á fixa non tripulada para apoiar a pesca do atún a banco libre que permitirá prescindir do helicóptero nos grandes buques atuneros. Os seus equipos electrónicos adaptados a condicións mariñas aplícanse en acuicultura, pesca, seguridade e defensa.

Gabriel Gómez, CEO de UAV Instruments, explica que a empresa está inmersa no desenvolvemento de drons para empregar en diferentes aplicacións. Na actualidade atópanse na fase de comercialización do seu vehículo aéreo non tripulado (UAV) CIES 2.2 SP, un UAV para fotogrametría, topografía, teledetección, recoñecemento ou agricultura de precisión.

Este dispositivo é ideal para aplicacións profesionais onde as grandes extensións e características do terreo supoñan un reto, grazas aos seus paneis solares de alto rendemento que poden chegar a ofrecer unha autonomía extra de aproximadamente 8 horas e ao seu deseño en forma de á volante de gran eficiencia aerodinámica que lle permite facer fronte a ventos de ata 50 quilómetros por hora.

O CIES é un equipo fácil de operar que só require uns días de adestramento para novos operadores grazas ao seu método simple de despegamento con catapulta, voo autónomo e aterraxe automática vía paracaídas. O sistema incorpora procedementos de voo autónomos, incluíndo unha serie de opcións preprogramadas de seguridade contra fallas de acordo coas normas de seguridade vixentes.

Este dron de á fixa, con maior autonomía e alcance, está deseñado para axudar na chamada agricultura intelixente para controlar o estrés hídrico de zonas afectadas pola seca, ou o grao de madurez das colleitas.

A súa participación no programa Business Factory Aero da Xunta (BFaero) permitiulles ampliar a súa capacidade operativa en áreas como a detección temperá de incendios, o apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado en operacións especiais ou para a localización de persoas extraviadas. As súas aplicacións van máis aló e pode utilizarse tamén na prestación de servizos a empresas privadas, como a vixilancia e inspección de oleodutos, liñas eléctricas, granxas ou minas.

O dron que comercializan é un á fixa capaz de voar con pouca enerxía ao que engadiron paneis solares, de maneira que xera a enerxía que consome, cunha gran autonomía de entre 6 e 8 horas, dous metros de envergadura e catro quilos de peso, o que facilita o seu transporte.

Eles mesmos deseñaron unha catapulta para o lanzamento do UAV que aterra cun sistema de paracaídas en calquera lugar. As súas plataformas están pensadas para o mercado nacional, pero tamén teñen en marcha un plan de internacionalización para comercializar o produto en mercados emerxentes, como Latinoamérica, o norte de África ou Oriente Medio, onde existen grandes extensións de difícil acceso.

A aceleradora BFaero xa favoreceu, nos seus tres primeiras edicións, a participación de 19 proxectos, a creación de oito e un investimento de 5 millóns de euros. A Xunta acaba de pechar unha cuarta edición e anunciou unha quinta, cun investimento total de 7,2 millóns de euros cos que se pretende apoiar a 25 empresas do sector. A última edición foi todo un éxito coa presentación de 88 candidaturas.

Tamén pode interesarche