Inicio
Actualidade

Ao día!

02/11/2022

Os viños galegos, calidade e identidade no padal

Comparte este artigo

Os viños galegos son produtos moi valorados no mercado e desde o ano 2007 son certificados por Galicia Calidade, un distintivo que lles dá un importante valor engadido entre os consumidores

Os viños galegos son desde hai xa tempo portada de numerosos medios especializados, non só de tirada nacional, senón a nivel internacional. Tamén é común que as botellas das adegas saídas de Galicia rematen en espazos moi distinguidos e sexan recoñecidas pola súa enorme calidade.

Na actualidade hai 19 adegas e preto de 70 viños que contan co selo de Galicia Calidade. A primeira adega en sumarse foi a Adega Os Eidos, da Denominación de Orixe Rías Baixas no ano 2007, e as últimas en entrar foron Viños do Barco (D.O. Valdeorras), Terriña (D.O. Valdeorras), Gran Bazán (D.O. Rías Baixas) e Viña Costeira (D.O. Ribeiro).

Existe un prego de condicións específico para a concesión e uso da marca de garantía Galicia Calidade que fixa que os viños, para poder optar á distinción, deben estar amparados por algunha das cinco Denominacións de Orixe Protexidas -DOPs- (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia a través do seu Consello Regulador.

Novas accións para sumar máis adegas

A directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, avanza que desde Galicia Calidade traballan na posta en marcha no ano 2023 de varias accións específicas para que máis adegas conten co selo, co obxectivo de axudarlles na súa internacionalización e no aumento das vendas, no mercado nacional e no estranxeiro. “Co selo imos conseguir que os viños cheguen a outros países porque Galicia chama e todo o mundo fóra de España a sitúa no mapa”, precisa.

Ana Méndez explica que engadir o selo ás botellas elaboradas nas diferentes DOPs galegas é un distintivo que lles axuda coa promoción, co seu coñecemento dentro e fóra de Galicia e tamén contribúe a que vendan máis. As accións, que se estenderán a todos os sectores, pretenden incrementar as vendas dos produtos que conten coa distinción de Galicia Calidade.

Neste sentido, Galicia Calidade tamén fará eventos propios e específicos por sectores para incrementar o seu coñecemento por parte dos consumidores e atraer así potenciais clientes. 

A idea sobre a que pivotan as accións nas que se traballa desde Galicia Calidade para o sector vitivinícola é que contribúa a que eses viños que se producen na Comunidade poidan saír fóra e facer máis forza, xunto coa identificación que achega cada Consello Regulador.

As bodegas certificadas levan a cabo unha importante labor de identidade do que é Galicia baixo uns parámetros de calidade que veñen marcados por cada un dos Consellos Reguladores das diferentes zonas onde se cultiva a vide. “Todos teñen unhas características propias e unha normativa común que fai que estean moi ben regulados e que cumpran cos requisitos para ser uns viños de calidade”, resume Ana Méndez.

Ademais dos esforzos que fan os adegueiros para acadar unha alta calidade dos viños para o consumo, o que se reflicte no incremento das vendas, Méndez destaca tamén a importancia do seu labor na recuperación da terra coa plantación de novos viñedos.

Tamén pode interesarche