Ao día!
Os lácteos galegos suman a etiqueta de calidade
Galicia é líder na produción de leite a nivel estatal, co 55% das explotacións traballando desde o noso rural. A modernización realizada polo sector nas últimas décadas sitúano como referente europeo en calidade, innovación, garantías de salubridade alimentaria e vocación de permanencia.
Os lácteos forman parte dos produtos e servizos certificados co selo Galicia Calidade, o que garante aos usuarios e consumidores que teñen superado os controis e normativas de calidade establecidas, ademais de certificar a súa orixe galega. Para que un queixo poida contar coa distinción de Galicia Calidade é preciso que estea amparado por algunha das catro denominacións de orixe galegas: Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo de tetilla ou Queixo de San Simón da Costa.
No caso do leite, para obter a etiqueta, deben atoparse baixo o paraugas da marca Galega 100%, un selo que aglutina a case 7.000 familias dedicadas directamente á gandería en Galicia. Este distintivo garante a calidade do leite en orixe e que a súa transformación a nivel microbiolóxico é de gran calidade.
Desde Galicia Calidade explican que contar con esta distinción “redunda na imaxe de marca dos produtos, sobre todo fóra de Galicia”, onde moitos deles levan anos comercializándose. “Que o leite galego leve o noso selo supón un produto final con características organolépticas superiores a outros leites”, engaden.
Tanto no caso dos queixos como dos produtos lácteos son alimentos “cun grao de coñecemento moi amplo no mercado para os que o selo Galicia Calidade non deixa de ser un soporte publicitario máis con millóns de impactos”.
Leite
Na actualidade preto de 30 referencias de leite contan coa distinción de Galicia Calidade, entre as que podemos atopar leite sen lactosa, enteira, semidesnatada e outras variedades de empresas punteiras no nosa Comunidade, como son Feiraco Lácteos, Leche Río e Larsa.
Derivados lácteos
No caso dos derivados lácteos, forma parte da listaxe a nata de Feiraco, os xeados comercializados baixo a marca Bico de Xeado, e o queixo crema da empresa Quescrem, elaborado con fermentos de kéfir e que é un produto 100% natural sen estabilizantes nin conservantes e un alto valor proteico.
Queixos
Preto de 20 queixos amparados polas diferentes denominacións de orixe contan coa etiqueta de Galicia Calidade. Un deles é o queixo mascarpone 0% lactosa, elaborado por Quescrem con materias primas de proximidade que son as responsables do seu sabor e aroma lácteos característicos, a súa textura cremosa e sedosa sen adición de estabilizantes e cuxa calidade foi recoñecida internacionalmente co “Superior TasteAward”.
Iogures
No apartado dos iogures atopamos varias referencias de Feiraco, Larsa e Quescrem, que conseguiu o selo Galicia Calidade para o seu Iogur Culinario, o primeiro pensado especialmente para cociñar cunha vida útil de ata 6 meses sen necesidade de aditivos artificiais. Estas características foron recoñecidas co selo SIAL Innovación 2018.
Batidos
Por último, no apartado de batidos figura o batido de chocolate de Feiraco Lácteos.
Todos eles son produtos que incorporan criterios de benestar animal, pastoreo e sustentabilidade e fan que o distintivo sexa un elemento visualizador da calidade asociada ao territorio. “Son propostas que o consumidor identifica con traballo, dedicación, cariño e un especial coidado da natureza, o que fai que sexan moi valorados nos mercados máis esixentes”, precisan desde Galicia Calidade.
Cómpre destacar ademais que moitas das empresas que se sumaron ao distintivo, como Feiraco Lácteos ou Bico de Xeado, teñen un importante compoñente social ao ter unha base cooperativa, o que fai que a riqueza xerada redunde no territorio no que desenvolven o seu traballo.