Inicio
Actualidade

Ao día!

09/11/2022

Entrevista á artesá Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía

Comparte este artigo

“Comercializar máis aló das nosas fronteiras foi grazas aos programas de internacionalización levados a cabo por Artesanía de Galicia”

Idoia Costa é un exemplo de talento, calidade e innovación no sector artesán galego. Nada no País Vasco e afincada en Lugo, a creadora téxtil combina con mestría tradición e experimentación, para levar a cestería a novos escenarios. O seu traballo viuse recoñecido co Premio Nacional de Artesanía na Categoría Produto, na edición do 2014.

Como acaba unha bióloga sendo Premio Nacional de Artesanía?

A verdade é que eu quería estudar Belas Artes, pero naquela época non estaba moi ben visto e decidinme a estudar Bioloxía, do que non me arrepinto para nada, porque sigo utilizando os coñecementos aprendidos para todo o proceso de cultivo e clasificación das fibras vexetais coas que traballo e experimento.

E o Premio Nacional de Artesanía foi o resultado do traballo de investigación realizado coa miña “Colección Pandeira”, cestos tecidos con la afiebrada sobre un armazón de madeira de pradairo, e ter a fortuna de gañalo.

O ano pasado tamén tiven a honra de gañar o Premio de Artesanía de Galicia coa “colección Abisal”, pezas de inspiración mariña tecidas con tanza de pesca.

Apostou polo rural galego para instalar o seu taller. Que achega ao proceso produtivo esta decisión?

Teño a sorte de vivir en plena Reserva da Biosfera a beiras do río Miño, rodeada de natureza, o cal sempre é unha fonte de inspiración para as miñas coleccións. De feito, a colección “Niño”, está inspirada en como os paxaros tecen os seus niños coas herbas e fibras que colleitan.

Ademais, vivir no rural permíteme cultivar a miña propia plantación de especies de vimbia, tanto autóctonas como o Salix viminalis ou traídas de diferentes partes de Europa, como o Salix triandra ou o Salix purpurea.

Como se consegue vender en Xapón un produto feito a man no interior de Galicia?

Poder comercializar máis aló das nosas fronteiras é grazas aos programas de internacionalización para a asistencia a feiras profesionais internacionais do sector como a de Maison&Object en París, Formex en Estocolmo, etc, levados a cabo pola Fundación Artesanía de Galicia. Isto permítenos crear unha carteira de clientes para poder exportar a diferentes partes do mundo.

Tamén as redes sociais permítennos comunicar e crear un concepto de marca para poder vender os nosos produtos a nivel global desde o local.

As súas creacións teñen moito de tradición, pero tamén incorporan innovación, como se logra esa comuñón?

Sempre me gustou experimentar e xogar cos materiais, fusionar e crear pezas aplicando as técnicas de tecido tradicional a novos materiais, creando novas formas e volumes con diferentes usos.

Cales son os resultados de aplicar a innovación ao seu traballo?

O resultado de aplicar innovación na artesanía, tanto a nivel creativo como a nivel de mellorar procesos de produción para ser máis competitivos, dá lugar a un novo concepto que chamamos Artesanía Contemporánea. De feito, acabo de volver de Valencia de participar como relatora no II Congreso de Artesanía Contemporánea, cuns debates moi interesantes para sentar as bases de fronte ao futuro.

Que supón formar parte de marca Artesanía de Galicia?

É un paraugas baixo o cal estamos moitas marcas de creadores artesáns galegos que nos permite participar en feiras e comercializar os nosos produtos cun plus de imaxe e calidade.

Empezou facendo cestos, de aí complementos de moda e agora tamén elementos decorativos e intervencións en edificios. Forma parte dun proceso evolutivo ou conviven todos os produtos?

De momento conviven todos os produtos, pero si que é verdade que estou a evolucionar e a realizar pezas máis artísticas, como instalacións en tendas e creando estruturas máis enfocadas ao mundo do interiorismo e a arquitectura efémera.

Ademais, este verán descubrín unha nova faceta artística participando nun Festival de LandArt, creando obra na natureza.

Un dos seus traballos estivo relacionado coa firma Loewe, en que consistiu?

Actualmente sigo traballando coa firma Loewe, en desenvolvemento de prototipos e en produción. Un dos proxectos máis emocionantes para min foi a colaboración nos dous proxectos para o Salón do Moble de Milán, coa colección Baskets (2019) e o proxecto “Weave, Restore, Renew” (2022).

Fixo outras colaboracións en instalacións con firmas recoñecidas como Zara Home ou Adolfo Domínguez. Por onde pasa o futuro no traballo de Idoia Costa?

A verdade é que estas dúas colaboracións marcaron un rumbo para abrir novos camiños con outras firmas á hora de poder executar proxectos máis grandes de escaparatismo e de decoración en espazos interiores e exteriores, como a fachada realizada o ano pasado para a tenda da firma lucense La Nena en Milán. Agora en outubro viaxo a Dubái para a realización dunha escultura de vimbia para a inauguración da nova tenda de La Nena.

Tamén pode interesarche