Inicio
Actualidade

Ao día!

11/11/2022

En marcha a Axenda Startups Galicia 2022-2024

Comparte este artigo

A nova Axenda Startups Galicia 2022-2024 nace no marco da aposta do Goberno galego polo reforzo dun ecosistema que conxugue iniciativa empresarial e innovación, converténdose nun motor para a modernización e a diversificación da economía de Galicia

A Axenda Startups Galicia suma preto de 15 millóns de euros -en concreto 14,7- destinados a crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups ata o ano 2024.

Con esta folla de ruta impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, aténdese a dous eixos de actuación prioritarios -un centrado nas startups e outro nas medidas de promoción de ecosistema innovador-, de cara a favorecer a implantación das novas tecnoloxías no tecido empresarial galego e fomentar postos de traballo de calidade.

De feito, o Igape prevé a creación de 600 empregos vencellados ás novas compañías, ademais de facilitar con esta axenda unha facturación agregada das startups de 70 millóns de euros durante os próximos dous anos.

A primeira liña de traballo supón a coordinación con outros programas e organismos da Xunta de Galicia coa finalidade de xerar un roadmap de apoios coherente, para asegurar unha alta eficacia no percorrido das iniciativas, desde a súa conceptualización ata a escalabilidade da mesma. A coordinación farase coa Axencia Galega de Innovación e con XesGalicia para facilitarlle ás startups o financiamento preferente dos fondos públicos de capital de risco galegos para fomentar a permanencia das iniciativas na Comunidade.

Entre as actuacións propostas, o dereito de investimento preferente do fondo tecnolóxico Galicia InnovaTech para proxectos apoiados por Ignicia ou programas similares; o establecemento de límites sobre este dereito de investimento preferente para que non supoña un freo a posibles investidores privados e o mantemento do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras como instrumento de referencia para o apoio financeiro a startups.

Tamén recolle medidas de apoio preferente ás iniciativas empresariais innovadoras e/ou de base tecnolóxica para facilitar a consecución de programas de axuda.

A Axenda propón como segunda liña de traballo a revisión do funcionamento e conceptualización das aceleradoras empresariais en marcha, xunto coa posible creación de novas iniciativas de aceleración empresariais e de novas iniciativas que fomenten a innovación nas pemes. En concreto, crearanse novas “business factories” que atendan ás actuais tendencias de aceleración de empresas centradas en campos como ‘foodtech’, ‘biotech’, ‘healthtech’, loxística ou as cadeas de subministracións.

A terceira liña de traballo ten que ver coa adaptación do programa Activa Startups do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de cara a concretar as actuacións que serán incentivadas.

A cuarta das liñas de traballo pretende achegar a Galicia os ecosistemas e Hubs internacionais de emprendemento. Trátase de aproveitar a experiencia e know-how internacional para xerar un novo modelo de emprendemento global no que a innovación e a tecnoloxía van da man, mellorando o posicionamento galego como rexión propicia para o emprendemento innovador.

A quinta das liñas de traballo pretende potenciar as redes de mentores e “business angels” como recursos de apoio aos novos proxectos empresariais nas dúas fases de crecemento e consolidación.

Outra das novidades da Axenda é a captación de investidores para potenciar o investimento público-privado nas startups galegas. Unha meta que se abordará a través do novo programa CoInviste de XesGalicia, pensado para fomentar investimentos privados en startups galegas a través da atracción de socios con acreditada solvencia económica, con capacidade tractora e cunha adecuada especialización en base tecnolóxica.

Así mesmo, porase en marcha por vez primeira o programa Erasmus Startup para conectar emprendedores no ámbito internacional a través da participación de startups galegas en iniciativas no exterior.

Medidas favorecedoras

A Axenda fixa un segundo eixo de actuacións con varias propostas, entre as que se atopa o impulso dunha nova liña de fomento do emprendemento feminino enfocada á captación de mulleres que desenvolvan proxectos en Galicia centrados en retos tecnolóxico-territoriais específicos. Aspírase, entre outros obxectivos, a mellorar as condicións da contorna da muller, así como incidir nas condicións facilitadoras do ámbito rural, minorando as barreiras fronte ás contornas urbanas.

Ademais, prevese a implantación dun gran portal para o ecosistema de startups, así como o obxectivo de promover e posicionar un evento de referencia anual en materia de startups en Galicia.

Tamén pode interesarche