Inicio
Actualidade

Ao día!

16/11/2022

Norvento crea o primeiro proxecto eólico experimental para solucións de autoconsumo de Galicia

Comparte este artigo

O parque, localizado no municipio lucense da Pastoriza, permite á compañía instalar e probar as diferentes tecnoloxías de produción enerxética renovable durante os próximos anos

Galicia conta desde este outono co primeiro parque eólico experimental para solucións de autoconsumo que se pon en marcha en España impulsado pola empresa lucense Norvento.

Este parque experimental, localizado no municipio da Pastoriza (Lugo), forma parte do plan estratéxico de Norvento Enerxía que vincula o desenvolvemento de novos parques eólicos coa consolidación e crecemento do proxecto tecnolóxico e industrial no ámbito da xeración renovable e o almacenamento enerxético. O proxecto busca diminuír a dependencia tecnolóxica do noso país con novos produtos para a xeración e almacenamento de enerxía.

Este parque forma parte da infraestrutura imprescindible para desenvolver estas tecnoloxías que, segundo explica María Luz Lozano, directora de Sustentabilidade e Marca en Norvento, “serán claves para a descarbonización, a produción renovable, o autoconsumo, tanto para pequenos como grandes consumidores, e a diminución do prezo da enerxía”.

A produción enerxética do parque experimental destinarase a validar tecnoloxicamente os deseños de turbinas no rango de 750 a 900 kW, testear os aeroxeradores desenvolvidos e fabricados por Norvento no rango de entre 100 e 900 kW e a hibridación do parque mediante o sistema de almacenamento enerxético contenerizado en baterías, denominado NBESS. Este sistema é un produto desenvolvido e fabricado por Norvento que, mediante unha configuración modular, busca satisfacer as necesidades de almacenamento e xestión de fluxos de enerxía eléctrica en sistemas illados, redes de distribución, supercargadores de vehículos eléctricos, industrias ou plantas de xeración renovable.

Ademais, a directora de Sustentabilidade e Marca en Norvento, María Luz Lozano, explica que “se trata dun escenario ideal para realizar a instalación do NBESS”, o sistema contenerizado de almacenamento enerxético con baterías deseñado e fabricado pola empresa lucense. É un sistema que, segundo precisa, afronta o reto dos ciclos de produción das enerxías renovables, permitindo almacenar a enerxía cando haxa excedentes para utilizala no momento no que non exista sol nin vento. Este dispositivo instalarase tamén no parque experimental conseguindo así a súa hibridación, ao combinar a produción enerxética co almacenamento eléctrico en baterías.

Ao mesmo tempo, esa enerxía producida tamén será vertida á rede para ser aproveitada polos consumidores, provindo dunha fonte renovable e descarbonizada.

O parque eólico experimental atópase instalado no Concello lucense da Pastoriza, un emprazamento que conta co recurso eólico adecuado para probar estes tamaños de aeroxeradores e así validar os deseños de turbinas no rango que se están levando a cabo.

O parque permitirá á compañía instalar e probar as diferentes tecnoloxías de produción enerxética renovable durante os próximos anos. Isto supón continuar coa aposta sostida e de futuro pola I+D+i de Norvento, a través dun proxecto tecnolóxico e industrial profundamente enraizado en Galicia para xerar emprego de calidade na nosa contorna.

Actualmente a empresa está a posicionarse a nivel global con proxectos que buscan contribuír ao desenvolvemento das enerxías renovables, a independencia enerxética, o autoconsumo e o almacenamento enerxético, como os que están a desenvolver no Caribe, nas illas Azores ou en redes eléctricas de distribución.

Tamén pode interesarche