Ao día!
Entrevista a Luis Miguel Simarro, director xeral de Congalsa
Congalsa é un dos buques insignia galegos do sector do pescado conxelado e ultraconxelado. Ademais, a compañía está inmersa nun proceso de aposta pola innovación e a transformación dixital cara á industria 4.0. O seu director xeral, Luis Miguel Simarro, cóntanos como afrontar esa transición desde un sector tradicional para seguir posicionando a Galicia á vangarda.
Como consegue Congalsa ser competitiva nun mercado global?
Coido que a clave está en que temos conseguido ser áxiles nunha contorna sectorial que muda de xeito practicamente semanal. A flexibilidade, que antes era importante para todas as empresas, pasou a ser agora fundamental na época na que vivimos.
Acompasar a capacidade dos nosos procesos cos obxectivos de crecemento, situando a satisfacción do cliente no centro, foi tamén un aspecto moi relevante para optimizar a nosa competitividade.
Ao tempo, o noso incremento competitivo veu tamén da man da ligazón a aspectos que consideramos fundamentais, como a estratexia de desenvolvemento sostible que impulsamos coa mirada posta na protección activa dos recursos mariños. Xunto a isto, axudounos enormemente implantar un modelo de mellora continua nas nosas instalacións e ter sido capaces de implicar a todo o noso capital humano en torno ao proxecto.
Paralelamente, poñemos no mercado con frecuencia novos produtos que buscan conectar con diferentes nichos e segmentos de mercado e, ao tempo, apostamos por deseñar estratexias máis contundentes de marketing, comunicación de produto e comunicación corporativa.
Ademais, medramos de xeito inorgánico e adquirimos, no ano 2020, unha empresa en Portugal chamada Sulpasteis, especializada na produción de precociñados a base de pescado de produtos tipicamente lusos, tales como pasteis de bacallau, delicias de gamba, rissois ou pataniscas, entre outros. Esta operación permitiunos ampliar o noso portfolio de produtos e facturar anualmente por riba dos 100 millóns de euros.
A empresa deu o salto a un modelo de produción 4.0 aproveitando as posibilidades que ofrece o big data e a intelixencia artificial. Cales son as accións emprendidas e cales os resultados obtidos?
Efectivamente, na actualidade estamos xa empezando a recoller froitos e validando os pilotos nos que temos traballado desde o 2019 durante o proxecto Congals4.0, impulsado de forma conxunta con Gradiant e co respaldo da Axencia Galega de Innovación. Trátase dun proxecto que se desenvolveu ao amparo de fondos FEDER da UE, no marco do cal estamos poñendo en marcha un modelo de fábrica intelixente, que nos permite avanzar na transformación dixital da nosa factoría e fortalecer a nosa posición de liderado na industria alimentaria galega.
O punto de partida da fábrica intelixente é unha fábrica conectada e de forma global, integrando e tendo en conta os procesos produtivos, pero tamén os de xestión, de tal xeito que o primeiro resultado obtido é unha mellor xestión dos recursos, e unha maior rapidez de resposta, ao ter datos reais de toda a cadea de valor.
A tecnoloxía que consideramos efectivamente máis importante de cara á industria 4.0 e xa de cara incluso á 5.0 é a intelixencia artificial. Con ela non só se melloran ratios de produtividade, tamén impulsamos o desenvolvemento da estratexia ao optimizar a nosa analítica dos datos, perfeccionamos o coñecemento dos clientes e dos nosos propios produtos e inclusive na calidade de vida do traballador, potenciando certas habilidades tan importantes no sistema de innovación dunha empresa como son a creatividade e a intuición.
Temos moi claro que a dixitalización é fundamental e constitúe unha panca de crecemento moi importante. A tecnoloxía está a mudar o xeito no que producimos e consumimos. Por iso, coidamos que o proxecto Congals4.0 nos vai axudar a acadar ese crecemento.
Como afronta unha empresa do sector tradicional a aposta pola innovación para seguir posicionando Galicia á vangarda?
De sempre, mesmo cando non se falaba de I+D+i, esta xa era unha práctica común en Congalsa. Xa tiñamos instaurada esa cultura. Hoxe por hoxe, a innovación constitúe unha pedra angular para o noso crecemento.
Contamos cun departamento propio de innovación que, constantemente, nos fortalece de ideas para ser unha empresa máis competitiva que achegue solucións novidosas no difícil mercado da alimentación. Este é un xeito non só de posicionarnos como referentes no eido da innovación, senón tamén de impulsar esta premisa no sector alimentario galego para que a nosa comunidade autónoma se sitúe á vangarda.
Neste sentido, impulsamos a constante saída ao mercado de novas referencias de alimentación baixo as premisas SCCP que definen aos produtos da nosa compañía: Saudables, Sostibles, Convintes e Pracenteiros.
Son a primeira empresa de alimentación española que consegue o prestixioso selo EFQM 600. Que supón esta distinción?
Hai poucos meses convertémonos na primeira empresa do sector alimentario español en contar co selo EFQM 600, un recoñecemento que outorga en España o Club de Excelencia. Este prestixioso selo distingue, segundo estándares internacionais, ás organizacións que buscan mellorar a excelencia na súa xestión.
Conseguilo acredita que Congalsa é unha empresa que conta con diferentes puntos fortes. Entre eles, por exemplo, o noso funcionamento e gobernanza ou a cultura de creatividade e innovación instalada na empresa.
A tecnoloxía e a innovación aplicada para engadir valor constitúen tamén sinais de identidade de Congalsa que nos axudaron a obter este selo. Ademais, o EFQM 600 pon en valor a eficiencia operativa da compañía e acredita que os nosos resultados estratéxicos avanzan en clara tendencia positiva.
Finalmente, o selo tamén recoñece que os diferentes grupos de interese da empresa teñen sobre nós percepcións moi consolidadas e favorables.
Como se traduce o compromiso da empresa coa sustentabilidade e o medio ambiente?
En Congalsa cremos na sostibilidade desde unha tripla vertente: económica, medioambiental e social. E traballamos nesa liña para ser máis sostibles.
Cada vez, os consumidores están máis concienciados con todo o que ten que ver coa sostibilidade. Desde Congalsa, apostamos firmemente polo desenvolvemento de programas e políticas que permitan o control dos recursos pesqueiros con responsabilidade.
Cremos na necesidade de traballar activamente con todos os chanzos da cadea alimentaria e, por iso, desde hai varios anos colaboramos con SFP, que é unha organización de ámbito internacional que nos axuda a traballar na mellora da sustentabilidade das principais especies que consumimos para elaborar os nosos produtos.
A través desta organización, podemos influír xunto a outras empresas do sector en que as políticas pesqueiras dos países de orixe se orienten a esta mellora da sostibilidade.
Internamente, ademais, apostamos polo emprego de materiais que nos permitan beneficiarnos do impacto das enerxías renovables. Por citar tan só un exemplo bastante recente, decidimos instalar placas fotovoltaicas en todas as nosas instalacións. E tamén deseñamos estratexias para optimizar o consumo de auga que realizamos, entre outras medidas.