Inicio
Actualidade

Ao día!

22/11/2022

A-emotional light, iluminación decorativa de alto nivel

Comparte este artigo

A empresa recibiu a axuda do programa DeseñaPeme da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, o que lle permitiu seguir innovando en deseño e incorporar a máis persoal cualificado

Innovación e deseño están presentes a partes iguais no ADN de A-emotional light, con sede no Milladoiro. A empresa dedícase desde hai máis de 25 anos ao mundo da iluminación. No 2000 deciden reorientar a súa estratexia co salto ao mercado internacional, que na actualidade supón o 85% das súas vendas.

Miguel Martínez, director comercial e un dos dous copropietarios da firma, explica que “a día de hoxe o maior volume de produto comercialízase en EEUU”, onde hai xa varios anos que teñen unha filial. A maiores, as súas creacións están presentes por todo o mundo, en Europa e en países como India, Emiratos Árabes, Australia, China, Singapur ou Sudáfrica.

O éxito de A-emotional light está en apostar pola fabricación de lámpadas de deseño feitas a man. Os 20 traballadores que teñen na súa planta de produción do Milladoiro crean entre tres e catro coleccións anuais que comercializan para proxectos de hostalería, restaurantes ou vivendas de alto nivel que elixen deseños moi coidados para a iluminación das súas instalacións.

A empresa recibiu a axuda do programa DeseñaPeme da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, o que lle permitiu, segundo destaca Miguel Martínez, “destinar máis recursos para seguir innovando en deseños e incorporar a máis persoal cualificado para poder avanzar en novas coleccións”.

A participación no programa trouxo consigo a posibilidade de investigar en materiais e novas formas, novas maneiras de deseñar que non usaran antes e que supoñen propostas pioneiras que pronto verán a luz no mercado. Tamén sumaron ao equipo a un director creativo, o pontevedrés Isaac Piñeiro, que está enfocado en novas solucións de produto.

Un dos novos deseños, case listo, é unha lámpada feita con tecido 3D, como o usado para as zapatillas deportivas. O material introdúcese nunhas máquinas dixitais que permiten obter un tecido continuo, sen costuras, que se adapta á forma da lámpada que se deseñou. Desta maneira, incorporan materiais nunca usados nun sector como o da iluminación e que permiten diminuír o tamaño de empaquetado (flat pack) de forma que unha lámpada de gran volume pode ser enviada nun pequeno paquete, o cal contribúe a diminuír a pegada de carbono, formando parte da súa estratexia con respecto á responsabilidade co medio ambiente.

Pezas feitas a man

Os seus deseños están considerados iluminación decorativa de alto nivel e a maior parte da súa produción está feita a man, co que o consumo enerxético da empresa é moi baixo. O material que impera na maioría das súas propostas é a malla de aceiro inoxidable pintada que moldean de maneira artesanal. “Teñen as mesmas proporcións e dimensións, pero cada peza é única”, precisa Martínez. É un material moi resistente, lavable e soporta ben o paso do tempo, isto faino ideal para proxectos de restauración e hotelaría. Outro dos seus puntos diferenciais é o xogo de luces e sombras que xera a luz ao pasar a través do material, creando ambientes moi especiais e emocionais.

Un dos seus retos foi someter diferentes materiais a un proceso de fabricación manual co que lograr un deseño contemporáneo poñendo en valor técnicas artesanais tradicionais e materiais que poden cobrar unha segunda vida. É o caso da colaboración que estableceron cun escultor co que deseñaron unha luminaria feita en pedra. Para iso reutilizaron o material que lle sobra ao canteiro e produciron novas pezas de pedra.

O mesmo lograron cunha ceramista coa que colaboran para a fabricación dunha nova lámpada que se comercializará a nivel internacional.

As súas creacións poden verse en restaurantes e hoteis de múltiples países e son facilmente recoñecibles polo seu deseño innovador. Con respecto ao futuro aspiran a crecer de maneira controlada para seguir levando o deseño e a fabricación galega polo mundo.

Tamén pode interesarche