Inicio
Actualidade

Ao día!

23/11/2022

A nova Lei galega de Áreas Empresariais axiliza a creación de solo

Comparte este artigo

Unha das principais novidades é que adapta a execución dun polígono industrial ás necesidades reais do tecido produtivo de forma áxil e flexible

A Lei de áreas empresariais de Galicia nace para axilizar e flexibilizar a planificación e creación de solo para as empresas. O Goberno galego decidiu dotar dunha regulación máis completa ás áreas empresariais da Comunidade de forma que se garanta o equilibrio entre o uso sostible do territorio e o fomento da actividade económica.

A Lei parte da base da xeración de solo empresarial convenientemente urbanizado a un custo razoable que permita a implantación de actividades empresariais vinculadas ás actividades do sector secundario e terciario, o que constitúe un elemento esencial para impulsar o desenvolvemento empresarial e garantir o progreso socioeconómico de Galicia e a creación de emprego estable de calidade.

Os ámbitos de aplicación da Lei son dous: as áreas empresariais de interese autonómico, promovidas ao abeiro dos instrumentos sectoriais de ordenación das áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia; e as cuestións relativas á xestión e conservación das áreas empresariais, que neste caso aplica tamén ás demais áreas, tanto ás de promoción pública como ás de promoción privada situadas en todo o territorio galego.

Entre os seus obxectivos, simplificar e flexibilizar os procedementos de ordenación e execución de solo empresarial para adaptar a oferta de solo ás necesidades reais das empresas, axilizar os trámites para a aprobación dos instrumentos necesarios para a súa implantación, xerar o marco regulatorio axeitado para aproveitar as novas oportunidades de desenvolvemento empresarial, fomentar a creación de reservas estratéxicas de solo que permitan, en prazos máis breves, a implantación de iniciativas empresariais; así como a creación de entidades para a conservación, xestión e modernización das áreas empresariais urbanas, constituídas polos propietarios das parcelas.

Rango de lei para os Concellos Emprendedores

A iniciativa de Concellos Emprendedores, á que actualmente están adheridos 153 municipios, ten como base o Protocolo de colaboración asinado o 10 de outubro de 2017 pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Os compromisos alcanzados neste Protocolo permitiron o establecemento dun marco de cooperación entre as administracións territoriais de Galicia con competencias na implantación e fixación de empresas para poder sumar esforzos a prol da reactivación e dinamización da economía.

No contexto deste Protocolo, os concellos adheridos comprométense voluntariamente ao establecemento de bonificacións fiscais nos impostos de bens inmobles (IBI), actividades económicas (IAE) e construcións, instalacións e obras (ICIO). Tamén se comprometen a axilizar a tramitación das solicitudes de licenza urbanística e outras actuacións que incentiven a demanda de solo empresarial da súa titularidade.

Agora, coa aprobación da Lei de áreas empresariais de Galicia refórzase e elévase a rango de lei a figura dos Concellos Emprendedores.

Por unha banda, a Xunta outorga prioridade aos Concellos Emprendedores nas ordes de axuda que se convocan en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o comercio local ou aqueles proxectos relacionados coa industria. Farase a través dun criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña, polo menos, o 20 % do total a favor das actuacións realizadas por Concellos Emprendedores.

Por outra, co obxectivo de favorecer a implantación e o desenvolvemento de iniciativas empresariais nos concellos emprendedores, nas convocatorias de subvencións dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro en réxime de concorrencia competitiva, puntuarase que se pretendan implantar ou se desenvolvan nun Concello Emprendedor, incorporando nas bases da convocatoria un criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña entre o 5 % e o 10 % do total.

Tamén pode interesarche