
Ao día!

O CENIT, unha aposta pola mobilidade sostible
O Centro Mixto de Investigación Magna-CTAG, CENIT, ponse en marcha no mes de maio de 2022, grazas á oportunidade xurdida mediante a convocatoria de Unidades Mixtas de Investigación 2022 impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación.
A creación do centro permitiu dar continuidade e maior calado a unha estreita traxectoria de colaboración en materia de I+D existente entre Magna e CTAG que, aínda que se vén producindo practicamente desde os inicios do Centro Tecnolóxico en 2002, tomou forma de Unidade Mixta de Investigación (UMI) en 2015, consolidándose no ano 2018.
Obxectivo principal
CENIT ten como obxectivo principal manter e fortalecer as capacidades adquiridas en desenvolvemento de produto a partir das actividades de I+D levadas a cabo nas UMIs anteriores. En concreto, constatouse o gran potencial existente nos ámbitos de deseño e desenvolvemento de armaduras innovadoras para asentos que dean resposta á evolución tecnolóxica asociada á irrupción da mobilidade sostible, baseada na electrificación do transporte e os novos escenarios de condución autónoma e automatizada.
En paralelo, e co obxectivo de contribuír á optimización dos procesos asociados aos novos produtos que se expoñan, desde o centro continuarán investigando en novas metodoloxías de fabricación, especialmente relacionadas coa dixitalización dos procesos e o uso de ferramentas avanzadas como o big data ou a intelixencia artificial.
A folla de roteiro establecido no Centro Mixto de Investigación vén imposta en gran medida pola evolución da normativa e dos requisitos para deseños de armaduras e mecanismos asociados. Por iso, resulta fundamental monitorizar as evolucións das normativas de aplicación de ámbito nacional e internacional, así como os novos estándares de seguridade e métodos de ensaio para o horizonte 2030, adiantándose ás necesidades dos construtores de vehículos de maneira que poida responderse dunha forma rápida con solucións previamente estudadas.
Dúas liñas de I+D
Establecéronse dúas liñas de I+D, as cales permitirán dar cumprimento aos obxectivos establecidos. Así, a liña de traballo principal está orientada ao desenvolvemento de novas armaduras específicas para a mobilidade eléctrica e conectada, e a segunda das liñas, pensada como soporte desta primeira, busca contribuír ao desenvolvemento dos procesos asociados aos novos produtos que se expoñan, da man da dixitalización e a fabricación avanzada e sostible.
O Centro Mixto de Investigación ten a súa sede principal situada nas instalacións de Magna Seating no municipio pontevedrés do Porriño, co obxectivo de reunir ao equipo nunha contorna próxima ao desenvolvemento de armaduras funcionais de asento para a mobilidade sostible e aos laboratorios de validación localizados no CTAG.
A xestión de CENIT faise de maneira conxunta e coordinada polas dúas entidades, nun contexto de estreita colaboración no que se estableceu un modelo de gobernanza baseado nas figuras do comité de xestión e seguimento, que revisa a orientación estratéxica do centro e o plan de traballo en toda a súa extensión, e do equipo de proxecto, que supervisa o seu progreso científico-técnico, financeiro e administrativo.
Ao longo da execución das actividades do Centro Mixto CENIT, que se estenderá ata setembro de 2025, contarase cun equipo de case 30 persoas das dúas entidades, especialistas con alto nivel de cualificación en ámbitos como deseño de produto e proceso, cálculo, simulación ou validación.