Inicio
Actualidade

Ao día!

30/11/2022

BFMedicines avanza en novos fármacos contra o cancro

Comparte este artigo

Co apoio da Axencia Galega de Innovación, o programa Cancer Innova é a primeira iniciativa desta aceleradora, cuxo obxectivo é profundar na investigación e consolidar un ecosistema biotecnolóxico máis próximo aos pacientes

A aceleradora Business Factory Medicines (BFMedicines) creouse para potenciar o emprendemento e a transferencia de coñecemento en medicina. O seu obxectivo é que os resultados cheguen ao mercado en forma de fármacos eficaces en necesidades médicas non cubertas e unindo os investimentos e os intereses público-privados.

O programa Cancer Innova é a primeira iniciativa no marco da nova BFMedicines de Galicia. A Fundación Kærtor e a Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, as compañías farmacéuticas Janssen, do grupo Johnson & Johnson, e Lilly uníronse para a I+D de novos fármacos contra o cancro e para a consolidación dun ecosistema biotecnolóxico máis próximo aos pacientes. 

O xerme do programa Cancer Innova foi a colaboración da Xunta, a empresa Johnson & Johnson e a Fundación Kærtor entre 2017-2019 a través do programa I2D2. No programa asúmese o alto risco de financiar a aplicación das investigacións máis disruptivas da máxima calidade científica sobre o cancro, coa vocación de chegar a proba de concepto en humanos a través dunha investigación planificada por fitos.

Nesta primeira convocatoria, que xa se atopa ao final da Fase II e organizando a Fase III e IV de transferencia, o programa Cancer Innova atraeu proxectos de 8 países a través das 110 expresións de interese presentadas só durante o primeiro mes. Na Fase II, de incubación (I+D intensivo), priorizáronse cinco propostas polo seu alto impacto clínico e industrial, que son supervisadas e avaliadas por un comité científico formado por 60 expertos globais para próximas fases do seu desenvolvemento industrial e chegada ao mercado. Actualmente, varios destes proxectos continúan o seu avance de forma satisfactoria cara á Fase III e IV de transferencia.

Os tres proxectos máis destacados, todos liderados por un equipo da Fundación Kærtor, son:

“Novos inhibidores selectivos de HDAC6 non hidroxámicos orais para o tratamento do glioblastoma”, proxecto enviado desde a empresa vasca Quimatryx. O obxectivo do proxecto é satisfacer unha necesidade non cuberta aumentando a supervivencia e mellorando a calidade de vida dos pacientes con este tumor, cuxo principal tratamento actual é a cirurxía.

“PARP2: unha nova diana terapéutica en tumores impulsados por c-myc” dá nome ao segundo proxecto seleccionado por Cancer Innova para esta fase de incubación. Proxecto presentado desde o Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas (IMIM). Con esta investigación espérase a obtención de compostos químicos inhibidores da proteína PARP2, susceptibles de converterse en fármacos orais para o tratamento dun amplo rango de pacientes oncolóxicos. 

“Glucósidos cardíacos senolíticos para o tratamento do cancro” é o nome do proxecto presentado polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Con este proxecto téntase eliminar de maneira selectiva as células resistentes ao tratamento quimioterapéutico e, desta forma, reducir a agresividade, os efectos secundarios e a recidiva en pacientes oncolóxicos.

O financiamento destas primeiras fases do programa Cancer Innova contou cun orzamento próximo a 5 millóns de euros dos que a Xunta de Galicia destinou un millón para apoiar a innovación e desenvolvemento de novos fármacos contra o cancro. Ademais da axuda pública, os outros socios do consorcio financiaron o programa con fondos privados e, ademais, a Fundación Kærtor constituíu unha Agrupación de Interese Económico (AIE), unha ferramenta certificada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e acreditada pola Dirección Xeral de Tributos, o que permitiu incorporar á iniciativa fondos pensados para I+D de alto risco, baseados en beneficios fiscais.

Tamén pode interesarche