Inicio
Actualidade

Ao día!

01/12/2022

BFFood financiará 16 proxectos entre aceleración e consolidación

Comparte este artigo

Se tes un proxecto innovador vinculado ao sector alimentario que dea resposta aos retos globais do sector, é o momento de facelo despegar

Business Factory Food (BFFood) é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e coordinada pola Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) coa tracción de empresas de referencia da industria alimentaria.

A quinta edición de BFFood diríxese a startups, spin-outs e spin-offs que presenten solucións para o sector alimentario nalgún dos seus 7 retos: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; innovación de procesos e comercialización; e reto aberto.

BFFood conta con dous programas específicos de apoio aos proxectos participantes: aceleración e consolidación. Os programas están deseñados para o impulso dos proxectos en función do seu grao de desenvolvemento, desde a idea inicial co programa de aceleración, ata o afianzamento das vendas co programa de consolidación.

A data límite para o envío das candidaturas será o 20 de decembro de 2022 ás 14:00 horas. Na V Edición do programa financiaranse 10 proxectos de aceleración e 6 de consolidación. O total de proxectos presentados nas edicións anteriores foi de 255, dos que 47 obtiveron financiamento cun investimento mobilizado de máis de 5,6 millóns de euros.

Dous programas

O programa de aceleración está deseñado especificamente para os novos emprendedores. Cunha duración de ata 9 meses, as actividades planificadas centraranse na validación e o desenvolvemento dun produto ou servizo, a definición dun modelo de negocio, a consecución das primeiras vendas e a potenciación das habilidades e destrezas do equipo. O financiamento co que conta esta modalidade son 25.000 euros de axuda que achega a Axencia Galega de Innovación, e ata 50.000 euros de préstamo participativo de XesGalicia.

O programa de consolidación consiste nun apoio integral e especializado no sector alimentario de 12 meses de duración, enfocado a empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas. Optarán a un préstamo participativo de XesGalicia de ata 250.000 euros.

Para poder participar no programa de aceleración a empresa debe estar constituída con menos de 42 meses de antigüidade ou non constituída con compromiso de constitución antes de iniciar o programa. No caso do programa de consolidación, a empresa debe estar constituída con menos de 72 meses de antigüidade.

En ambos os casos o domicilio social e fiscal do beneficiario debe estar en Galicia, esíxese unha dedicación do 100% ao proxecto de polo menos dúas persoas a tempo completo e a participación nas actividades de formación, tutorización e mentorización levadas a cabo na iniciativa.

Mentoría

BFFood conta coa participación de 22 empresas líderes no sector que achegan coñecemento, dedicación e recursos, tanto á dinamización da aceleradora como á mentorización dos proxectos participantes.

Cada un dos proxectos contará con polo menos un mentor específico pertencente a unha das empresas tractoras de BBFood, con carreira e experiencia no ámbito concreto do proxecto, que se ocupará de conducir a súa evolución e servirá de guía no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor do proxecto coa resolución do reto.

Tamén contará con coaching especializado para dar apoio aos proxectos nos sucesivos estadios de desenvolvemento, avaliando a súa situación e acompañando nos pasos para seguir na optimización do seu plan de negocio. Os proxectos participantes terán ademais acceso a un programa de formación específico segundo as súas necesidades e grao de desenvolvemento do proxecto, que lles permita adquirir os coñecementos e habilidades necesarias para levar a éxito o seu proxecto de emprendemento.

Poderán ademais acceder ao catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos, un catálogo que comprende servizos tecnolóxicos e de innovación, prestados por centros tecnolóxicos e universidades galegas postos ao dispor dos emprendedores para o desenvolvemento dos seus proxectos e financiados nun 80% ata un máximo de 10.000 € por edición.

Tamén pode interesarche