
Ao día!

Descubre o mellor do deseño e a innovación en Galicia
Recentemente vén de presentarse o novo proxecto de difusión do deseño galego, impulsado pola Xunta de Galicia no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, e que conta con dous piares fundamentais: unha exposición aberta ao público e a publicación ‘ABC Deseño’.
Formas propias
A mostra ‘Formas propias. Deseño para a innovación en Galicia’ atópase na sede da Fundación Didac (rúa de Pérez Constanti, 12, en Santiago de Compostela) onde poderá visitarse ata o día 16 de decembro. O horario de visita é de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas e o sábado con previa cita.
A mostra ten un carácter itinerante, polo que despois desa data está previsto que poida visitarse en diferentes cidades galegas. Nela amósanse deseños históricos, reflexións plásticas e visuais de deseño e sustentabilidade, materiais innovadores e exemplos de empresas que están apostando pola innovación co deseño como motor.
Unha selección de preto de vinte materiais innovadores creados na contorna rural galega compoñen a mostra, que xa formou parte de “Imperdibles”, o festival de innovación fronte ao despoboamento da Fundación Cotec, o Encontro de deseño para a innovación empresarial e outras iniciativas.
‘ABC-Deseño’
Xunto coa exposición tamén acaba de ver a luz a publicación ‘ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación en Galicia’, que, na mesma liña que a mostra, supón un compendio de casos de éxito que representan o mellor do talento dos profesionais do deseño e dos recursos e materiais naturais e sostibles. O dicionario pode consultarse e descargarse en formato pdf na páxina da Axencia Galega de Innovación a través da ligazón: http://gain.xunta.gal/artigos/405/publicacions+mostras.
Trátase dunha publicación viva que nace con 140 referencias e coa vocación de incorporar novas entradas progresivamente a través dun proceso de actualización continua. De aí que se convide aos profesionais do deseño que consideren que deben aparecer no dicionario a enviar a súa información para que se inclúa no documento.
Outras publicacións
No marco do mesmo programa e co obxectivo de seguir a difundir as mellores prácticas de incorporación do deseño como ferramenta de innovación e competitividade, destacan tamén os Premios Galicia de Innovación e Deseño e as publicacións ‘Galicia. O deseño como motor’, ‘O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia’ e ‘Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID’.
A perspectiva histórica ofrecida na publicación Galicia. O deseño como motor permite facerlle xustiza ás empresas galegas que tiveron a visión de usar o deseño para crecer en capacidade innovadora e competitividade, así como aos profesionais que o fixeron posible
Tomando como punto de partida a visión de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane como referentes imprescindibles, faise un percorrido polo legado do Laboratorio de Formas de Galicia, o cartelismo comercial, a imaxe de marcas dos pioneiros industriais, a identidade e a normalización do deseño.
A publicación O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia explora os proxectos e iniciativas de compañías galegas líderes que xa contan cunha dilatada traxectoria en termos de aposta estratéxica polo deseño como ferramenta de competitividade.
Estrella Galicia, Finsa, Selmark, Pazo de Vilane, Bico de Xeado, D-due, Cabreiroá, Paco&Lola, Castrosúa, Martínez Otero e Orballo son só unha pequena mostra dos referentes presentes neste libro. A través da análise das súas experiencias de éxito, esta publicación non só persegue a posta en valor destas, senón tamén o efecto inspirador que poden exercer sobre outras empresas galegas.
En ‘Futuros posibles. Deseño para a innovación na era pos-COVID’ catorce profesionais galegos de referencia a nivel nacional e internacional no campo do deseño estratéxico ofrecen a súa visión sobre o escenario aberto pola crise do coronavirus.
Alberto Barreiro, Manuel Vázquez, Nuria Carballo, Noemí Cortizas, Rubén Ramos Balsa, Pablo García-Bodaño, Dani Bembibre, David Silvosa, Roberto Núñez, Iván Mato, Coca Rivas, Anxo López e Marta Verde constrúen esta visión colectiva moderada por David Barro na que se explora o futuro do deseño estratéxico, o deseño de servizos, o deseño de experiencias, o deseño gráfico e a comunicación, o deseño de espazos e o deseño industrial.