
Ao día!

Sionlla Biotech: Polo de innovación en biotecnoloxía
Galicia, e Santiago de Compostela en concreto, son desde fai cinco séculos epicentros do coñecemento en Europa de transcendencia internacional. Esta conxuntura e o seu innegable potencial son o perfecto caldo de cultivo para o nacemento do Polo Biotecnolóxico de Galicia, un centro de fabricación avanzada pensado para ser un enclave de referencia para entidades e empresas biotecnolóxicas de calquera procedencia.
O proxecto está impulsado pola Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago e a Universidade de Santiago, a través de Uninova, co obxectivo de impulsar a biotecnoloxía galega e facer de Galicia un referente internacional no sector. A través dun modelo de colaboración público-privado, contará con infraestruturas adaptadas ás necesidades do sector e situarase no parque empresarial da Sionlla en Santiago de Compostela.
O Centro de Fabricación Avanzada do Polo da Sionlla está dirixido a empresas e entidades vinculadas á biotecnoloxía que poidan ter a súa orixe en Galicia ou queiran instalarse no seu ecosistema atraídas por el, entre as podemos destacar: empresas biotecnolóxicas que superasen a fase de incubación; grandes corporacións que queiran instalarse e interaccionar cos axentes do ecosistema biotecnolóxico galego; centros de investigación ou innovación que queiran ter os seus propios espazos para colaborar e prestar servizos a empresas situadas nas infraestruturas; provedores tecnolóxicos especializados que necesiten un espazo físico próximo ao seu público obxectivo; servizos financeiros que por proximidade poidan prestar apoio económico a empresas do sector ou consultoras especializadas na tipoloxía de empresas instaladas no Centro de Fabricación Avanzada.
As claves de Sionlla Biotech
O acceso a solo industrial e a infraestruturas e servizos especialmente adaptadas a empresas do sector son as claves deste proxecto.
O primeiro dos eixos sobre os que pivota Sionlla Biotech é a construción de edificios de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas. Trátase dunha iniciativa público-privada para a provisión de servizos especializados para empresas do sector biotecnolóxico en etapas de postincubación. Entre os seus obxectivos destacan a xeración de sinerxías e economías de escala entre empresas, así como o desenvolvemento dun espazo para a innovación e a colaboración que contará con laboratorios especializados, servizos auxiliares para ofrecer equipamento de alta tecnoloxía de uso compartido ou servizos transversais como oficinas, salas de reunións ou eventos que propicien a dirección e administración das empresas.
O segundo dos eixos ten que ver coa infraestrutura, dotada de espazos industriais adaptados aos requirimentos esixidos a empresas biotecnolóxicas (o deseño dos espazos industriais correrá a cargo das empresas que se sitúen na infraestrutura), sistemas avanzados de comunicacións de voz e datos e áreas de carga e recollida de mercadoría.
O terceiro eixo céntrase no solo industrial a disposición de empresas biotecnolóxicas que queiran instalar os seus centros de produción na Sionlla.
O obxectivo deste centro é prover a empresas biotecnolóxicas e institucións dun centro de servizos que contará principalmente con 22 laboratorios modulares para a realización de actividades de investigación, desenvolvemento e innovación e de diversos equipamentos e instalacións de uso común.
Con laboratorios de 65 metros cadrados, Sionlla Biotech terá espazo para entre 18 e 22 empresas, que tratará de captar no período de construción. É a primeira fase do proxecto. A segunda buscará a implantación de empresas xa consolidadas en naves de polo menos 500 metros cadrados.