
Ao día!

O turismo termal en Galicia, unha oferta de calidade
A nosa Comunidade é a primeira potencia termal de España e a segunda de Europa, sendo Ourense a segunda cidade europea con maiores reservas de augas mineromedicinais. En concreto, a maior concentración de augas termais de Galicia atópase nas comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro.
Galicia é ademais un referente en España pola súa experiencia no desenvolvemento e posta en valor do sector termal. Boa proba disto son os 21 balnearios cos que conta a Comunidade, seis deles co distintivo Q de calidade turística, 11 espazos termais e tres centros de talasoterapia. Galicia oferta 3.000 prazas hoteleiras vinculadas ao termalismo.
A Xunta de Galicia considera o termalismo un sector que se debe seguir impulsando tendo en conta todas as súas vertentes (sanitaria, turística, empresarial e ambiental), polo que están a facer un traballo conxunto entre as diferentes administracións para que teña o peso que lle corresponde na economía galega.
Unha Lei pioneira en España
Neste senso, o Goberno galego aprobou a primeira Lei en España que regula o aproveitamento lúdico das augas termais, unha norma pioneira en España que permite impulsar na Comunidade un crecemento ordenado e seguro do sector.
Galicia convértese na primeira Comunidade autónoma en regular os diferentes aproveitamentos das augas termais, establecendo un novo uso que marca unha fronteira clara entre os establecementos balnearios, con usos terapéuticos e que están regulados por unha lei do ano 1995; e os espazos e piscinas termais, con usos lúdicos, nos que se centra esta norma. Deste xeito, Galicia dá resposta a unha realidade empresarial e a unha demanda real da sociedade actual, ofrecendo seguridade xurídica e garantías a proxectos turísticos que, ata a data, non tiñan unha regulamentación específica.
Os obxectivos da lei son velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental das augas termais para evitar a degradación da súa calidade e a redución do seu caudal; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial, cultural, turístico e lúdico; e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden estas augas.
Entre os aspectos máis relevantes da normativa -na que se fixa como condición previa que as augas conten coa declaración de termais- están: a regulación dos casos de compatibilidade dos novos aproveitamentos lúdicos cos establecementos balnearios e os seus perímetros de protección; o establecemento do procedemento para obter autorizacións administrativas renovables cada 10 anos para as persoas ou entidades privadas e concesións de 30 anos prorrogables ata 75 no caso de entidades públicas; a esixencia da garantía financeira, seguro de responsabilidade civil, un plan de aproveitamento de carácter cuadrienal e a restitución da situación ao estado orixinal tras a finalización do aproveitamento; marca as condicións de accesibilidade, seguridade e hixiénico-sanitarias das instalacións; ademais dun réxime de inspección e sancións con multas de entre 300 e 90.000 euros. A Lei pretende protexer este recurso e garantir a salubridade e seguridade das instalacións aos usuarios.
Medidas de apoio ao sector
A isto súmanse outras medidas como a liña de axudas posta en marcha este mesmo ano para o acondicionamento e mellora dos espazos termais de uso recreativo que hai na Comunidade, e o protagonismo que terán as vilas termais e casos históricos dentro do III Plan Territorial de Desenvolvemento Turístico en Destino para o período 2023-2026.
A Xunta fixa como unha das súas liñas primordiais de actuación as augas termais, impulsando o termalismo como elemento dinamizador socioeconómico do territorio, sobre todo en contornas rurais, mediante estratexias de creación de produto e utilizando as posibilidades que ofrecen as nosas tecnoloxías para unha xestión turística sustentable e intelixente. A oferta que se fai desde Galicia é a dun turismo de calidade, sen aglomeracións e permitindo gozar da natureza.