Inicio
Actualidade

Ao día!

14/12/2022

Comunidades enerxéticas empresariais, unha alternativa de autoabastecemento

Comparte este artigo

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en San Cibrao das Viñas (Ourense), foi a localización elixida pola Xunta para implementar o proxecto piloto da que será a primeira iniciativa deste ámbito na Comunidade

As comunidades enerxéticas son proxectos colectivos de cooperación que poden implicar a persoas, asociacións cidadáns, pemes e/ou concellos dun ámbito próximo que se unen para xerar, consumir e xestionar a súa propia enerxía de orixe renovable.

Hai diferentes tipoloxías de comunidades enerxéticas, entre as que están as cooperativas, asociacións sen ánimo de lucro, comunidades de propietarios, clústeres e polígonos empresariais, tamén coñecidos como comunidades enerxéticas empresariais ou industriais.

Estas últimas son unha alternativa para que as empresas se autoabastezan de forma renovable cun investimento que, ademais de contar con financiamento público, se recupera en pouco tempo polo retorno importante que xera.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) conta con diferentes liñas de apoio e incentivos dirixidas a proxectos de autoconsumo e á descarbonización dos sectores económicos, enerxía renovable e eficiente para as familias, autónomos e sector público (fomento das comunidades enerxéticas locais), mobilidade sostible, economía circular e innovación enerxética.

Proxecto piloto

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), no concello ourensá de San Cibrao das Viñas, foi a localización elixida pola Xunta de Galicia para implementar un proxecto piloto do que será a primeira comunidade enerxética empresarial galega.

Esta medida enmárcase na Axenda Enerxética de Galicia 2030, á que a Xunta deu luz verde o pasado mes de xuño. Os seus obxectivos son converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no ano 2050, diminuír a dependencia enerxética do exterior, descarbonizar os sectores económicos e sociais, posicionar a Comunidade como polo enerxético innovador e consolidar unha industria eficiente e sostible. A Axenda conta cun orzamento de 621,5 millóns de euros para o período 2022-2024 co que se prevé acadar un investimento público-privado de 1.500 millóns de euros.

A comunidade enerxética empresarial de Tecnópole contempla unha potencia instalada de dous megavatios. O proxecto xorde por unha preocupación crecente sobre o consumo enerxético nas empresas e polo seu impacto económico, e tamén polo interese en promover áreas industriais ecolóxicas, capaces de desenvolver tecnoloxía propia, contribuíndo así mesmo á loita contra o cambio climático e a favor do desenvolvemento sostible na contorna.

Cara a un cambio de modelo enerxético

A proposta consiste na creación dunha comunidade enerxética dentro do Parque Tecnolóxico de Galicia na que teñan cabida as empresas e, entre todas, xerar a súa propia enerxía renovable, acceder en conxunto ás axudas públicas que faciliten acometer determinados investimentos neste ámbito e que, como empresas, poidan servirse dunha produción que permita reducir a súa factura eléctrica de consumo e beneficiarse en conxunto das vantaxes económicas e sociais que implican este tipo de actuacións.

A comunidade enerxética que se vai instalar en Tecnópole impulsará un cambio no modelo enerxético, o fomento do uso de enerxía limpa e a participación de todas as empresas e a comercialización de enerxía 100% renovable.

Unha elevada porcentaxe de empresas situadas nas parcelas do Parque Tecnolóxico de Galicia manifestaron o seu interese en adherirse ao proxecto, coordinado por Tecnópole, co apoio imprescindible da Xunta a través do Inega.

As actividades iniciais que se van promover ata a constitución da comunidade non terán ningún custo para as empresas participantes nela, xa que estes van ser asumidos integramente por Inega e Tecnópole.

Os primeiros estudos apuntan á instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas do propio complexo, co obxectivo de reducir o seu consumo enerxético e dotar de maior competitividade ás empresas no actual contexto de alza de custos. Nun primeiro momento poderán beneficiarse deste proxecto ata 70 compañías.

Tamén pode interesarche