Inicio
Actualidade

Ao día!

15/12/2022

Entrevista a Gerardo Lagares, fundador de Orballo

Comparte este artigo

“Orballo demostra día a día que se pode ser sostible, rendible e innovador”

Amante da natureza, a comida sa e o rural galego, Gerardo Lagares decide arrincar Orballo no ano 2012. A súa empresa ofrece produtos 100% ecolóxicos da mellor calidade. Desde a aldea de Donín, en Paderne (A Coruña), comercializan 6 tipos de infusións e 36 referencias aromáticas.

Como é a experiencia de vivir do campo en Galicia cun cultivo innovador?

Ao principio foi un risco grande tentalo, agora é unha responsabilidade continuar con este proxecto tan apaixonante co que queremos ofrecer unha contribución positiva ao medio ambiente. Estamos moi contentos da valoración que teñen iniciativas como a nosa, que tratan de demostrar día a día que se pode ser sostible, rendible e innovador. É abafador ver o interesadas que están moitas persoas cando nos ven en feiras e se achegan a saudarnos. Aí descubrimos o verdadeiramente comprometidas que están e como son cada vez máis conscientes da forza que teñen como consumidores.

Como se pode ser rendible e respectuoso coa natureza?

Pensamos que a clave está en facer as cousas ben desde o principio, mellorando constantemente e soñando ao mesmo tempo para buscar a solución positiva a problemas que van aparecendo. Querer é poder. No contexto climático actual pensamos que as empresas que non son sostibles xa non son unha opción. O statu quo está a cambiar rapidamente. Por iso eu trasladaría a pregunta ao revés. Como pode haber empresas que sen ser respectuosas coa natureza, pretendan ser rendibles?

Cal é a fórmula para seguir crecendo coa venda de infusións?

Para nós é seguir fieis a un modelo e a uns valores: potenciar o cultivo en Galicia de plantas aromáticas, medicinais e té; coidar o medio ambiente e ás persoas; ofrecer produtos beneficiosos para ambos; e distribuílos en envases sostibles.

A zona na que traballades foi recoñecida como Reserva da Biosfera. Ademais, en 2021, conseguistes o Recoñecemento Reservas da Biosfera ao compromiso ambiental na categoría ‘marca’ que outorga o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Que supuxeron estes dous fitos para a vosa empresa?

Supón un orgullo enorme. Estamos moi agradecidas a todas as persoas que, desde a Reserva da Biosfera a nivel institucional e técnico, realizaron un traballo impecable, un labor constante durante anos que levou a que podamos ser non só unha Reserva da Biosfera, senón unha das máis activas e recoñecidas a nivel internacional.

A nosa filosofía está totalmente aliñada co que promoven as reservas: a coexistencia sostible entre a actividade humana e a natureza. Por este motivo, fomos galardoados co recoñecemento da Rede Española de Reservas da Biosfera polas nosas prácticas ambientais, o que sen dúbida certifica unha forma de facer que xera un impacto positivo no medio ambiente.

Este tipo de recoñecemento e apoio institucional supón un gran impulso á nosa marca, debido a que mellora a visibilidade de pequenos proxectos como o noso que pretenden marcar a diferenza para mellorar o futuro.

Cales son os seus proxectos de cara ao futuro?

Queremos seguir traballando para xerar un impacto positivo para a sociedade e a contorna. Para iso temos claro que debemos traballar en tres liñas. En primeiro lugar, manter os elevados estándares de sostibilidade e calidade actuais. En segundo lugar, optimizar todos os nosos procesos, á vez que escalamos en produción e superficie de cultivo. Por último, seguir apoiándonos na I+D+i para permitirnos obter produtos diferenciais no medio e longo prazo.

Tamén pode interesarche