Inicio
Actualidade

Ao día!

21/12/2022

A calidade das bebidas galegas

Comparte este artigo

Galicia caracterízase polo bo comer e polo bo beber. Os produtos galegos son venerados no mercado propio e nos de fóra. E moitas desas bebidas, ademais de producirse na Comunidade, teñen un selo de calidade que as diferenza doutras e garante unha orixe e unhas características de seu

Todos os produtos e servizos certificados co selo Galicia Calidade garanten aos usuarios e consumidores que superaron os controis e normativas de calidade establecidas, ademais de certificar a súa orixe galega.

Ademais da alimentación, os viños, lácteos, hostalería ou a xoiería, tamén poden obter o selo as bebidas; en concreto a auga, os refrescos, a cervexa e os licores.

Augas minerais

As augas minerais naturais réxense por un prego de condicións xerais para o emprego da marca de garantía Galicia Calidade no que se fixa estas bebidas como aquelas microbioloxicamente sans que teñan a súa orixe nun estrato ou xacemento subterráneo e que broten dun manancial ou podan ser captadas artificialmente mediante sondaxe, pozo, gabia ou galería, ou ben a combinación de calquera destes.

Pídeselle á industria que efectúe as operacións de vixilancia e control sobre as actividades realizadas no perímetro de protección do manancial, para evitar posibles contaminacións, ao tempo que se lle demanda que xestione o manancial evitando sobre explotacións que supoñan variacións das características esenciais da auga mineral natural.

No caso da auga, contan co certificado de Galicia Calidade Auga con gas Magma Cabreiroá, Auga mineral con gas Mondariz, Auga mineral Fuente del Val, Auga mineral natural Mondariz, Auga mineral natural Cabreiroá e Auga mineral de orixe magmático Magma de Cabreiroá.

Precisamente, Auga Mondariz foi das primeiras empresas en obter a distinción Galicia Calidade para as súas referencias, hai xa 24 anos. Alberto Cabadas, xefe da planta de Mondariz, explica que para eles este distintivo “é un motivo de orgullo co que conseguimos representar a toda Galicia”. A firma comercializa os seus produtos en máis de 50 mercados e reservan o selo para aqueles que mellor representan a Galicia.

Ademais, resaltan dúas cualidades fundamentais. Desde o punto de vista social, ser un referente en Galicia e estar nunha das vilas máis pequenas da Comunidade, onde son o motor da economía local. E, en canto ás capacidades como alimento, ser capaces de producir unha auga equilibrada, suave e con todos os minerais que o organismo precisa.

Cervexas, licores e refrescos

O prego de condicións para as cervexas afecta ás cervexas extra envasadas e á cervexa extra sen pasteurizar. Ata a data, foron certificadas co selo de Galicia Calidade seis referencias de Hijos de Rivera: 1906, 1906 Black Coupage, 1906 Red Vintage La Colorada, Estrella Galicia, Estrella Galicia 0,0 e Estrella Galicia Cerveza de Bodega.

Tamén existe un prego de condicións específico para a concesión e uso da marca de garantía Galicia Calidade para a augardente de bagazo e os licores e cremas realizados na súa base. Para o uso da marca de garantía estes produtos deben acreditar o seu amparo dentro da IXP Licores e Augardentes de Galicia.

Ademais, os bagazos e lías utilizados na fermentación e destilación serán obtidos a partir de uvas recolleitas no ámbito xeográfico de Galicia, mentres que en calquera dos procesos de elaboración do produto queda expresamente prohibido engadirlle outro alcohol de orixe vínico ou agrícola ao destilado.

Os licores que se atopan no listado de bebidas certificadas por Galicia Calidade son a augardente, a augardente branca, de herbas, a crema de licor e o licor café de Nor-Ibérica de Bebidas e a augardente de bagazo branca, licor café, crema de licor de augardente e licor de herbas de Customdrinks.

No caso dos refrescos obtiveron o selo as diferentes variedades de sidra de Customdrinks: sidra, sidra con zume de froita, sidra ecolóxica, sidra natural e sidra seca.

Tamén pode interesarche