
Ao día!

Entrevista a Carlos Calvo Orosa, director xeral do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
ITG ten como obxectivo mellorar a capacidade competitiva das empresas, organizacións e profesionais a través da I+D+i e tecnoloxía diferencial. Ademais, son membro do consello reitor da Federación de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT), da que Carlos Calvo é o seu presidente desde 2015.
Como contribúe ITG á mellora da competitividade galega?
ITG é un centro tecnolóxico que transforma o coñecemento en valor social e de mercado. Facémolo desenvolvendo tecnoloxías diferenciais e facilitando o acceso a actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico que dean resposta ás necesidades e retos do tecido empresarial. Facémolo cunha experiencia de máis de 30 anos e a capacidade de desenvolver tecnoloxía e innovación para empresas ás que, por si soas, resultaríalles extremadamente difícil, por non dicir imposible, desenvolver.
Aínda que é certo que tamén traballamos con grandes empresas, as pemes son os nosos clientes naturais. Nesta liña, puxemos en marcha unha Oficina AceleraPeme para asesorar de forma integral e gratuíta a pequenas e medianas empresas na dixitalización dos seus procesos de negocio: compras, vendas, finanzas, produción ou loxística, por exemplo.
Que procesos de innovación e mellora se impulsan desde o Instituto?
Actualmente traballamos en tecnoloxías relacionadas coa intelixencia artificial, a mobilidade autónoma, a sensórica avanzada, a intelixencia enerxética, a visión artificial, o procesado de linguaxe natural... E todo iso estámolo aplicando en múltiples sectores como o da aeronáutica, as enerxías renovables, a industria, a edificación, o sistema agro-mar, a xestión de recursos naturais, como a auga e o forestal, ou os servizos públicos.
Cales son os retos nos que traballa o ITG?
No ámbito da mobilidade aérea autónoma, no que somos un referente, impulsamos o gran demostrador europeo de Urban Air Mobility H2020 AMU-LED. É un proxecto internacional con participación de 17 compañías e institucións de Europa e Estados Unidos que combina múltiples exercicios de tráfico aéreo con vehículos non tripulados, incluíndo as primeiras demostracións de taxi aéreo non tripulado en España, que trouxemos a Galicia.
No campo da transición enerxética, traballamos no desenvolvemento da intelixencia que permita a xestión de comunidades enerxéticas locais que poidan dotarse de sistemas híbridos de xeración de enerxía renovable e almacenamento, baseadas na autoprodución e o autoconsumo compartido. Ademais, traballamos en superar as barreiras para que tecnoloxías asociadas á intelixencia artificial como a realidade virtual e aumentada, a visión artificial ou o procesamento de linguaxe natural, poidan ser incorporadas de forma eficaz polas empresas nos seus procesos de negocio.
Tamén atesouramos unha dilatada traxectoria na dixitalización do ciclo integral da auga e a industria 4.0, e somos axente clave no desenvolvemento urbano co selo internacional BREEAM® para edificios sostibles. En definitiva, levamos a cabo unha actividade innovadora que emprega a 130 profesionais e que está totalmente orientada ao triplo beneficio ambiental, económico e de benestar das persoas.
Que logros alcanzaron nestes anos?
Un fito que resume perfectamente a nosa traxectoria nestes últimos anos, e do que estamos moi orgullosos pola dificultade que entraña, é a obtención do triplo recoñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación como Centro Tecnolóxico de Excelencia Investigadora Cervera nos ámbitos da intelixencia artificial, a Transición Enerxética e o Transporte Intelixente.
Como reverte en Galicia formar parte do consello reitor da Federación de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT)?
Formar parte dunha organización que lidera a nivel nacional a representación de 43 centros tecnolóxicos, emprega a 8.700 investigadores e tecnólogos, e presta servizo a 27.000 empresas clientes, achéganos un coñecemento e unha visión estratéxica que é clave para impulsar na nosa contorna a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a investigación ao máis alto nivel. ITG é membro do consello reitor de FEDIT desde o ano 2012 de forma ininterrompida, e os últimos 8 anos tiven a responsabilidade de facelo como presidente de todos os centros tecnolóxicos de España.
Cales son os froitos da colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación?
A colaboración coa Axencia Galega de Innovación concrétase en diversos ámbitos, pero quizais destacaría o programa de Unidades Mixtas de Innovación que nos permitiu afrontar xunto a empresas como SDLE ou NTT Data demandas tecnolóxicas do mercado internacional. Somos o único centro tecnolóxico de Galicia con unidades mixtas específicas no ámbito dron. En concreto, en tecnoloxías para a automatización de operacións con drons e a xestión do tráfico aéreo non tripulado.
Ademais, contamos co apoio da Axencia, e tamén da UDC, no desenvolvemento do laboratorio avanzado de intelixencia artificial aplicada a drons que se situará na Cidade das TIC da Coruña. Unha infraestrutura que reforzará o posicionamento de Galicia como escenario de ensaios e demostracións tecnolóxicas con sistemas aéreos non tripulados en contornas urbanas.
Que expectativas teñen con respecto ao Polo Aeroespacial e a Cidade das TIC?
Ambas as iniciativas están encamiñadas a que o noso tecido produtivo poida competir con outros territorios a escala internacional en dous sectores que xeran emprego cualificado e de calidade. O Polo Aeroespacial contribuíu a que, a día de hoxe, en Galicia exista un sector aeronáutico e aeroespacial consolidado e recoñecido.
En canto á Cidade das TIC, as obras de Galaxy-Lab, o noso laboratorio avanzado de intelixencia artificial para drons, avanzan a bo ritmo e permitiranos consolidar Galicia á vangarda de Europa en I+D e probas con sistemas aéreos non tripulados. É unha infraestrutura complementaria con outras xa existentes en Galicia, e proporcionará unha resposta adecuada ás necesidades dos operadores internacionais de drons cos que xa estamos a traballar.