Inicio
Actualidade

Ao día!

03/01/2023

Néboda Farms, a revolución da agricultura tradicional

Comparte este artigo

Co apoio da Xunta de Galicia a través de convocatorias como InnovaPeme, a empresa viguesa Néboda Farms, especializada no sector agrotech, desenvolveu un innovador sistema de agricultura vertical

En Néboda Farms defínense como “agricultores do futuro no presente”. E non é para menos coa súa proposta, coa que pretenden a revolución da agricultura tradicional a través da aposta por dous eixos fundamentais: a tecnoloxía e a ciencia.

Os enxeñeiros Roberto Estévez e Iván García son os promotores dun equipo emprendedor formado por seis persoas que traballa desde a cidade de Vigo. O seu proxecto baséase na produción e comercialización de cultivos de calidade superior mediante o uso da tecnoloxía vertical de interior, orientándose ao mercado das ensaladas envasadas e das herbas aromáticas. De feito, no ano 2020 venderon os seus primeiros produtos na canle horeca, incluíndo vendas a varios restaurantes con Estrela Michelin.

A solución que deseñaron, denominada Néboda Smart Factory 4.0 (NSF), supón o desenvolvemento da súa actividade no interior dunha edificación cun clima totalmente controlado. Son cultivos hidropónicos, nos que non se usa a terra, ilumínase mediante tecnoloxía led e disponse dun nivel moi alto de sensorización, elementos que facilitan a obtención dun ambiente aséptico. O aforro de auga alcanza o 90% con respecto aos cultivos tradicionais.

A maiores, é un tipo de produción no que non se usan pesticidas nin herbicidas, polo que o resultado son uns produtos máis saborosos, ultra frescos, moi seguros, trazables e nutritivos, dispoñibles todo o ano e que se comercializan como un produto local.

Innovación ao servizo da competitividade

O primeiro investimento de envergadura da empresa foi a adquisición dunha tecnoloxía punteira importada de EEUU para a validación da proposta de valor da agricultura vertical de interior e que lles serviu como base de partida de coñecemento para o deseño da NSF 4.0.

O sistema que desenvolveron conta cun robot manipulador e científico deseñado por eles mesmos que incorpora a xestión automática de unidades de cultivo e a adquisición masiva de datos; unha arquitectura que permite a máxima flexibilidade produtiva; un control de solución nutritiva avanzado, cunha redución do consumo de auga superior ao 50% respecto a outros sistemas hidropónicos, aumento da biomasa e calidade dos cultivos, e a consecuente redución de custos en nutrientes. Ademais, o sistema FMS permite o transporte automático entre operacións e o procesado de operacións intelixentes por traza.

O principal reto da empresa é conseguir un produto diferencial para lograr ser competitivos en custos, un dos principais hándicaps da agricultura vertical de interior. De feito, NSF 4.0 permitiralles reducir as necesidades de investimento, aforrar custos produtivos e ser capaces de automatizar tarefas.

Apoios autonómicos

Para o desenvolvemento da súa iniciativa, a empresa contou con diferentes liñas de apoio da Xunta de Galicia orientadas ao impulso das pemes innovadoras. No ano 2021 foron unha das empresas beneficiarias de InnovaPeme, un programa xestionado pola Axencia Galega de Innovación destinado a impulsar os plans innovadores de pequenas e medianas empresas.

Ese mesmo ano, ademais, alcanzaron un contrato coa Universidade de Vigo, que lles permitiu avanzar nos seus obxectivos de crecemento, e uníronse á fase de aceleración da Business Factory Food, co desenvolvemento de novas variedades de produto e o seu lanzamento comercial á canle retail.

Néboda é tamén unha das entidades que serán apoiadas pola Xunta a través do programa de recuperación Neotec, dirixido a empresas galegas avaliadas favorablemente nesta convocatoria estatal que non obtiveron financiamento por falta de crédito. Grazas a esta axuda, dotada con 325.000 euros, construirán o prototipo que lles permitirá dixitalizar todo o proceso de cultivo co que en 2023 poderán validar que son competitivos en custos. Ao ano seguinte, teñen previsto abrir a súa primeira fábrica, o que supoñerá dar o salto á escala industrial cunha facturación anual de 3,5 millóns de euros e que conlevará a internacionalización da empresa.

Entre os seus plans de futuro está ademais democratizar que os seus produtos sexan accesibles a través da gran distribución coa presenza en todos os lineais. Por iso traballan xa nun portfolio de produtos para cando o prototipo se atope operativo, en 2023, para poder ampliar o seu mercado a través do sector retail.

Tamén pode interesarche