Inicio
Actualidade

Ao día!

04/01/2023

A Xunta apoia a creación dos novos centros de investigación empresarial

Comparte este artigo

A través dunha liña de axudas pioneira en Galicia impulsaranse proxectos no campo da biotecnoloxía e da mobilidade sostible liderados por Mestrelab Research e BorgWarner

A Xunta de Galicia resolveu a convocatoria de axudas para a creación de novos centros de investigación empresarial. Senllos proxectos de Mestrelab Research, spin off da Universidade de Santiago de Compostela que desde 2018 pertence á multinacional Bruker Inc, e BorgWarner, foron as iniciativas seleccionadas, respectivamente, nos ámbitos da biotecnoloxía e da mobilidade sostible. Entre ambas, mobilizaranse 27 millóns de euros e favorecerase a creación de 45 novos contratos a investigadores.

O pasado mes de xullo, a Xunta de Galicia publicou a convocatoria dunha nova liña de apoios destinada á creación e integración de novos centros de investigación empresarial que complementen a oferta tecnolóxica do ecosistema de I+D+i de Galicia.

Dotada con 10 millóns de euros e pioneira en Galicia, con ela preténdese fortalecer as capacidades industriais da Comunidade a través do coñecemento e o desenvolvemento de tecnoloxías, contribuíndo ademais a atraer investimentos que permitan poñer en marcha novos proxectos empresariais.

O programa, que se enmarca na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, persegue dous obxectivos: lograr un ecosistema galego de maior dimensión e integrado que sexa capaz de dar resposta aos retos da dixitalización e a sustentabilidade; así como seguir avanzando nun modelo colaborativo de I+D.

A convocatoria deseñouse tras a manifestación de interese lanzada en 2021 pola Axencia Galega de Innovación. A consulta buscaba coñecer a demanda e necesidades das empresas para establecer en Galicia os seus centros de investigación e toma de decisións en materia de I+D. Froito dese proceso participativo, recibíronse sete propostas que foron examinadas para definir a convocatoria.

Con esta nova liña de axudas, da que só existe en España unha de similares características no País Vasco, a Xunta aspira a seguir reforzando a I+D+i empresarial galega e dar continuidade a outros programas, como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación. Entre estes dous programas e a convocatoria de centros de investigación, chegaranse aos máis de 70 proxectos apoiados con 120 millóns de euros en axudas e superándose os 400 millóns de investimento mobilizado a través da colaboración público-privada.

 

Proxectos seleccionados

O centro de investigación Mestrelab localizarase na contorna do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela e prevé acelerar a investigación nos sectores farmacéutico e biotecnolóxico en Galicia a través da intelixencia artificial. Aspira a actuar como centro neurálxico para unha comunidade de tecnólogos e científicos dos sectores dixitais e das ciencias da vida.

A empresa comprométese a contratar 30 investigadores ata 2025. A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación contribuirá con 4,2 millóns de euros a este proxecto que conta cun investimento total de 8,19 millóns.

Por outra banda, o centro de investigación avanzada eMobility de BorgWarner Emissions Systems pretende dar resposta ás necesidades para a mobilidade do futuro, creando un centro de excelencia en tecnoloxías para o vehículo eléctrico. Investigará novas estratexias de xestión térmica, unha iniciativa necesaria en Galicia fronte aos novos modelos de mobilidade, e constitúe un factor chave na cadea, e especialmente cos cambios na electromobilidade.

Así, o centro permitirá tamén dar cobertura aos retos deste tipo de motores de automoción e noutras industrias de transporte, por exemplo, naval. O centro situarase en Porto do Molle, en Nigrán, e realizará 15 novas contratacións de investigadores. Investiranse 19,2 millóns de euros, dos cales a Axencia Galega de Innovación achegará cinco millóns.

Tamén pode interesarche