Inicio
Actualidade

Ao día!

12/01/2023

50 anos de Sodiga Galicia

Comparte este artigo

A sociedade de capital de risco da Xunta de Galicia cumpre medio século de traxectoria, no que participou en multitude de proxectos e iniciativas empresariais claves no desenvolvemento e consolidación da economía e a industria galega

Os investimentos da sociedade de capital risco Sodiga diríxense a empresas con alto potencial de crecemento e que teñan relación co desenvolvemento e consolidación da economía e industria de Galicia. O capital risco é unha actividade financeira consistente en proporcionar recursos a medio e longo prazo, pero sen vocación de permanencia ilimitada.

Desde o punto de vista financeiro, supón un incremento dos fondos propios, engadindo credibilidade e estabilidade financeira; mentres que desde o punto de vista empresarial, axuda a profesionalizar a súa xestión, colaborando na procura de financiamento adicional, apoiando a internacionalización e outros servizos.

Na actualidade, o capital social de Sodiga Galicia concéntrase nun 76% en mans da Xunta de Galicia, mentres que o capital restante repártese entre Abanca, BBVA e o Banco Santander. Desta forma, Sodiga Galicia forma parte do conxunto de instrumentos dispoñibles en Galicia para o apoio de iniciativas empresariais, xunto con outros de titularidade autonómica como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación ou XesGalicia (entidade que xestiona os activos de Sodiga Galicia desde o ano 1999).

Orixe da sociedade

Sodiga Galicia constituíuse o 14 de novembro de 1972 por parte do Instituto Nacional de Industria e varias entidades financeiras. O fondo de capital risco ten por obxecto social básico o apoio a iniciativas empresariais e industriais que impulsen o desenvolvemento económico de Galicia. Este apoio formalízase a través de participacións no capital das empresas, aínda que tamén pode instrumentalizarse mediante préstamos.

En orixe, a sociedade constitúese co nome de “Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia” por parte do Instituto Nacional de Industria -INI- (cun 51%) e das Caixas de Aforro de Galicia, o Banco Pastor e o Banco de Bilbao, aínda que comezou a súa actividade no mes de febreiro de 1973. No ano 1995 formalizouse a adquisición da sociedade por parte da Xunta de Galicia.

Xa no seu primeiro ano de actividade, 1973, Sodiga Galicia procedeu a efectuar catro investimentos: Lácteas do Atlántico (fabricación de produtos lácteos), Proullasa (fabricación de pasta química branqueada), Refractarios de Sant-Yago (fabricación de refractarios) e Acuicultura do Atlántico (cultivo de ostra).

Participación en múltiples proxectos

Ao longo dos seus 50 anos de existencia, Sodiga Galicia participou en multitude de proxectos e iniciativas en diversos sectores produtivos. Algúns dos exemplos máis notables de actividade e apoio financeiro, en función do sector, correspóndense cos seguintes:

  • Industria: Intasa, Losán, CZVeterinaria, Urovesa, Unvi, Castrosua, Dinak, Incipresa ou Copo.
  • Agroindustrial e acuicultura: Galacteum, Frinova, Insuiña, Clesa ou Quegalsa.
  • Vitivinícola: Martín Códax, Condes de Albarei ou Terras Gauda.
  • Pedra natural: Graninter, Granitos Ibéricos ou Irosa.
  • Enerxía: Engasa, Pemalsa ou Allarluz.
  • Sociedades de garantía recíproca: Afigal e Sogarpo.

Para celebrar o medio século de vida, Sodiga Galicia iniciou un conxunto de accións divulgativas e conmemorativas, tal e como a difusión das memorias de actividade das súas primeiras décadas ou a elaboración dunha publicación que mostre, con perspectiva histórica, a actividade e impacto que xerou sobre a economía e industria galegas.

Tamén pode interesarche