
Ao día!

Freedron, unha aposta de futuro na tecnoloxía xeoespacial
Freedron é o resultado da colaboración entre as empresas Cartogalicia e Enxeñería Insitu, como unha ferramenta estandarizada no mundo da xeomática. Este proxecto viu a luz no marco de Business Factory Aero (BFAero), unha aceleradora impulsada pola Xunta de Galicia para pemes do sector aeronáutico de Galicia que precisan sistematizar e consolidar o seu modelo de negocio.
Rawlidar, de base tecnolóxica e con sede en Lugo, é a empresa que desenvolve Freedron. Ten o seu ADN no campo da innovación cun socio promotor, como é Cartogalicia, pioneiro no uso de drons desde 2002 para cartografía a nivel nacional e que innova con drons non tripulados desde 2006.
Marcos López, CEO de Rawlidar, explica que o proxecto Freedron xurdiu no marco da segunda convocatoria de BFAero. “Ser adxudicatarios do programa foi a mellor opción para desenvolver este proxecto e outros futuros nos que xa traballamos”, afirma o directivo.
O sistema pode ser montado en múltiples plataformas, como un vehículo terrestre, un avión ou un barco. O CEO de Rawlidar precisa que o que tentaron foi “crear a mesma tecnoloxía para diferentes plataformas, tripuladas ou non, con diferentes sensores”. Por iso é polo que o slogan do proxecto sexa “diferentes propósitos, un só líder”.
Freedron é un dispositivo que combina diferentes sensores para capturar a información xeorreferenciada. Ademais, achega unha solución hardware-software modular e completa, que permite un maior control na recolección de información, así como a integración e o procesado básico da mesma.
O proxecto baséase na tecnoloxía Lidiar, mediante a que se envía un sinal a certa distancia, rebota e volve ao receptor. Ao unir esa distancia a sistemas de posicionamento, obtense un vector xeorreferenciado no aire, coñecendo así as coordenadas dese punto grazas a un dispositivo capaz de ler ata 600.000 puntos por segundo.
A proposta de obter un só hardware en diferentes plataformas para cartografía comercialízase xa en España con 250.000 euros en vendas o ano do seu lanzamento. Para o seu arranque, a empresa tiña prevista unha misión comercial a Sudamérica que se viu truncada pola pandemia. Para Marcos López este revés obrigounos a reformularse o lanzamento, a pesar de tratarse dunha proposta que non existía no mercado.
Novas funcionalidades para Freedron
As súas primeiras accións comerciais centráronse no mercado nacional con vendas tamén en Portugal. Marcos López recoñece que o proxecto necesita agora “de máis empuxe e novos enfoques” unha vez superados os obxectivos iniciais. Están a traballar en novas funcionalidades para Freedron co apoio da Xunta de Galicia a través dos programas da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do proxecto Neotec, que lles permitirá incrementar o seu persoal técnico en catro novos profesionais.
Todo iso para, en palabras dos seus promotores, conseguir “un produto máis exclusivo, pero con maior alcance”. Un redeseño do proxecto inicial que incorporará un novo hardware con maiores capacidades para o sector xeomático e que estará listo a finais do ano 2023. Entre os obxectivos de futuro está tamén recuperar a misión comercial para poder vender a nivel internacional coa incursión no mercado de Latinoamérica.