Inicio
Actualidade

Ao día!

20/01/2023

Entrevista a Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense

Comparte este artigo

“As oficinas de Conecta Ourense detectan o potencial das empresas, en especial do rural”

A provincia de Ourense alberga en San Cibrao das Viñas o polígono máis grande de Galicia e nel está situado Tecnópole, con empresas punteiras en tecnoloxía e investigación. Ourense conta ademais coa comarca – Valdeorras – con maior produción e exportación de lousa a nivel mundial, un sector agroalimentario profesionalizado e moi diversificado, e catro das cinco denominacións de orixe galegas de viño son tamén ourensás (Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras). A estes datos súmase a riqueza gastronómica, termal, paisaxística e histórica, que coloca a este lugar nunha posición privilexiada e máis agora coa entrada do AVE que achega Galicia e Madrid nun traxecto de pouco máis de dúas horas.

Da man de Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, analizamos os retos do tecido empresarial  e o impacto da iniciativa Conecta Ourense, un proxecto colaborativo entre a confederación e a Xunta de Galicia co obxectivo de converter á provincia nun polo dinámico en innovación, dixitalización e internacionalización.

Como souberon aproveitar as empresas as oportunidades e retos que trouxo consigo a pandemia?

O período que supuxo a pandemia obrigou a moitas empresas a modernizarse, dixitalizarse e reciclarse ás alancadas porque veu imposto polas circunstancias tan especiais que vivimos. Este cambio de parámetros en todos os ámbitos e niveis da vida, da sociedade e a empresa, está a supoñer a posta en marcha doutras moitas accións para cambiar o modelo produtivo, económico e empresarial cara a estándares máis sostibles, áxiles, innovadores e eficaces. As empresas tomaron boa nota de todo isto, e están a dar pasos para adaptarse a un novo escenario que xa non podemos dicir que é o futuro, porque está presente no noso día a día. Farano en máis ou menos tempo, ou con menor ou maior intensidade, porque vai depender dos seus recursos ou da súa capacidade de adaptación, pero en todos os sectores están a incorporarse medidas que non só son necesarias para adaptarse e sobrevivir nestes tempos incertos, senón tamén para afrontar este cambio de tendencias e de mercado. As empresas están a poñer todo o seu esforzo en ser resilientes, unha palabra tan en boga nestes tempos porque mide esa capacidade que hai que ter para adaptarse e seguir adiante máis fortes ante novos retos.

Como está a funcionar o programa Conecta Ourense?

Conecta Ourense actúa como un polo dinámico de innovación e dixitalización empresarial, ofrecendo soporte e acompañamento ás empresas en materia de innovación, crecemento, economía circular - sustentabilidade, dixitalización e internacionalización, e materialízase a través de puntos de información e asesoramento situados na zona nordés e sueste da provincia de Ourense (Valdeorras e Verín, respectivamente). Desde estes puntos achégase os servizos da CEO ás empresas, garantindo un asesoramento de proximidade; informando e trasladando ao empresariado e emprendedores as posibilidades e medios que a Administración galega pon ao seu servizo e pódenlles resultar de utilidade, especialmente as liñas de apoio e incentivos de Igape e a Axencia Galega de Innovación; pero tamén outros apoios que poidan ser de utilidade no desenvolvemento do tecido empresarial nestas áreas de influencia.

Grazas a esta iniciativa realízanse ademais labores informativos e divulgativos, presta servizos de identificación e detección de empresas con potencial innovador, de crecemento e internacionalización. Tamén se ocupa de promover e fomentar actuacións para dinamizar as empresas rurais, de maneira que sexan capaces de superar os retos aos que se enfrontan.

Que resultados se obtiveron desde a súa posta en marcha?

Desde o 15 de febreiro ata o 15 de novembro, nesta primeira fase, participaron un total de 361 empresas na iniciativa Conecta Ourense. Con 111 destas empresas estableceuse un feedback para analizar as súas necesidades e acompañalas na tramitación de axudas vixentes ou informalas baixo demanda. En case un centenar delas (93) detectouse potencial para poder seguir asistíndoas no logro dos seus obxectivos, e 76 empresas foron consideradas con opcións para solicitar axudas e por tanto apoiadas durante todo o proceso (deseño, redacción, presentación, execución e xustificación).

Este asesoramento e acompañamento materializouse na presentación de iniciativas a distintas axudas do Igape, como proxectos de investimento empresarial, economía circular, á dixitalización da industria 4.0, ao equipamento produtivo, a Galicia Exporta Empresas e Exporta Dixital; e no caso da Axencia Galega de Innovación, a intermediación para presentar solicitudes a DeseñaPeme, InnovaPeme, Bonos de Innovación e IFI Innova.

Ademais, desde Conecta Ourense leváronse a cabo un total de 10 xornadas informativas sobre axudas con técnicos de Igape e Gain e dous foros Think Tank.

Cal é o papel que xogan as oficinas de Conecta Ourense para que as empresas crezan en innovación, dixitalización e internacionalización?

Un fundamental porque os seus técnicos detectan o potencial das empresas, en especial do rural ourensán, e con esta información asesóranas e acompáñanas para que poidan aproveitar os apoios vixentes e levar a bo termo estas solicitudes de financiamento a través de axudas que, precisamente, son as que facilitan estas transformacións tan necesarias.

Ademais, ocúpanse de difundir e facer chegar os apoios públicos ao maior número posible de empresas que os necesitan para que poidan levar a cabo un proceso innovador e transformador á vez que consolidan a súa competitividade.

A que atribúe o bo comportamento das exportacións na provincia de Ourense no ano 2022?

Desde a anterior crise, a comezos da década pasada, as empresas xa souberon ver que, ante dunha contracción da demanda nacional, había que potenciar a presenza en mercados internacionais e aos poucos foron poñendo os seus medios, esforzos e persoal cualificado nesta tarefa, profesionalizando os seus departamentos de exportación. Sumado a iso, a nosa provincia exporta produtos dunha calidade excepcional de multitude de sectores, desde o agroalimentario ao da pedra natural, pasando polo téxtil ou o tecnolóxico, produtos e servizos que son moi ben valorados en países de todos os continentes.

Desde a CEO levamos décadas impulsando e fomentando a axuda á internacionalización das nosas empresas, a través primeiro de misións comerciais inversas para mostrar todo o potencial de produtos e produtores e, ultimamente, por mor da pandemia a través de misións virtuais e programas de apoio específico en marketplace como Ankorstore, facilitando a internacionalización e a dixitalización das canles de venda, para que as empresas se modernicen e abran novas vías de venda en liña, cunha presenza optimizada nos marketplace como clave estratéxica para conseguir unha internacionalización baseada na rendibilidade, posicionamento de marca e escalabilidade do negocio.

Este programa repercutiu xa de forma positiva nas vendas internacionais sobre todo de pemes e micropemes que non dispoñían da estrutura para levar a cabo esta tarefa. E o noso traballo como organización que persegue o desenvolvemento da provincia a través da axuda ao colectivo empresarial continuará nesta liña, apoiando neste e outros aspectos o progreso do tecido produtivo e empresarial ourensán.

Tamén pode interesarche