Ao día!
A Xunta fortalece os parques empresariais galegos
Xunto coa habilitación de novas infraestruturas, é preciso reforzar tamén o mantemento dos polígonos e parques de solo empresarial xa existentes en Galicia, co obxectivo de seguir mellorando a súa competitividade e contribuír á dinamización da economía, á fixación e ocupación de empresas e ao fomento do emprego local.
Nestas áreas e, como consecuencia do tempo transcorrido desde a súa creación, xorden novas necesidades relacionadas coa renovación de infraestruturas, a implantación de solucións en materia enerxética ou de comunicacións, a adecuación ás esixencias de normas posteriores á súa creación ou a dotación de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.
Para dar resposta a todas estas cuestións, a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, convoca unha orde de axudas orientada a mellorar e modernizar as infraestruturas dos parques empresariais galegos. O programa conta cun orzamento total de 2,1 millóns de euros e o prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 2 de febreiro.
Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.
Tipo e intensidade da axuda
Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas a:
- Implantación de iluminación pública eficiente.
- Plantas de depuración de auga.
- Xestión de residuos.
- Infraestruturas viarias.
- Instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable.
- Servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80 % ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25 % da axuda concedida.
Cómpre destacar que primarán cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, sexa por agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente. Do mesmo xeito, e de acordo coa Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, priman cunha maior puntuación as solicitudes presentadas por municipios acollidos á iniciativa de Concellos Emprendedores.
A habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais súmase a outras medidas orientadas á implantación e fixación de empresas, como a posta en marcha de sete viveiros industriais ou o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos, cun orzamento de 3,5 millóns de euros para este ano 2023.