
Ao día!

Expertos en como moverse con drons en entornos urbáns
A plataforma AIRUS, froito da Unidade Mixta de Investigación (UMI) impulsada co apoio da Xunta de Galicia, é un dos sistemas máis avanzados de xestión de tráfico de drons en cidades de Europa. Esta solución do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e NTT DATA facilitou xa os voos dos primeiros drons aerotaxi en Galicia, que tiveron lugar nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) en Rozas, en Castro de Rei (Lugo), no marco do proxecto europeo AMU-LED, que busca avanzar na integración segura de drons en contornas urbanas.
NTT DATA colabora estreitamente coa Xunta de Galicia e o Instituto Tecnolóxico de Galicia para poñer ao dispor da sociedade galega os avances en tecnoloxía máis punteiros desde os seus dous centros de traballo na Coruña e Santiago de Compostela, cun equipo de máis de 350 profesionais.
Pola súa banda, ITG é centro tecnolóxico de excelencia investigadora Cervera en intelixencia artificial, transporte intelixente con sistemas aéreos non tripulados e en transición enerxética. Un triplo recoñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación que referenda a cualificación tecnolóxica e o traballo desenvolvido polos 130 profesionais da enxeñería que traballan actualmente desde a súa sede da Coruña.
Unha vez que a lexislación o permita, a plataforma tecnolóxica AIRUS posibilitará a integración eficiente e segura de UAS (drons) no espazo aéreo e que será clave para a democratización dos servizos de mobilidade aérea urbana no futuro, xa que permitirá habilitar aerovías urbanas baixo demanda e en tempo real.
Este software incorpora os últimos avances en enxeñería de tráfico de drons para proporcionar funcionalidades ao centro de xestión como a identificación e rexistro de drons, xeoposicionamiento, resolución de conflitos de plans de voo, seguimento e monitorización do voo, información de tráfico, interface con ATC (Controlador de Tráfico Aéreo), xestión de emerxencias, información aeronáutica precisa e fiable, etc.
O nivel de intelixencia, seguridade, automatización e dixitalización de AIRUS permite o tráfico de vehículos non tripulados en escenarios complexos, onde a vixilancia é obrigatoria, por exemplo BVLOS (voos que se realizan máis aló do alcance visual do piloto), contorna aeroportuaria, espazos aéreos de alta densidade de tráfico, áreas urbanas ou outras infraestruturas críticas.
“A Unidade Mixta de Investigación deunos a oportunidade de axuntar as capacidades de ITG e NTT DATA, tanto técnicas como funcionais no ámbito de solucións aéreas non tripuladas. E o resultado é AIRUS, unha solución punteira que nos permite dar respostas a empresas, tanto a nivel nacional como internacional, que dan o paso á eficiencia e optimización que achegan os vehículos autónomos”, sinala Enrique Sánchez, responsable da división de solucións aéreas non tripuladas en NTT DATA.
Pola súa banda, Analía López Fidalgo, directora de Sensórica e Sistemas Aéreos non Tripulados de ITG, destaca que desde o Instituto traballan no “desenvolvemento de solucións para os retos tecnolóxicos que presenta o U-space e a mobilidade aérea urbana, como son a convivencia dos drons entre eles e con outras aeronaves, a dixitalización da xestión do tráfico aéreo, infraestruturas de comunicación e vixilancia dedicadas ao control de aeronaves non tripuladas e o reto, non menor, como é a aceptación social deste novo tipo de mobilidade”.
A proba nun proxecto europeo
Os primeiros voos de proba de aerotaxi sen piloto realizados ata o de agora, coordinados en España por ITG, forman parte do proxecto internacional H2020 AMU-LED, impulsado pola Comisión Europea e que involucra a un consorcio de 17 compañías e institucións de Europa e Estados Unidos. Liderado por NTT DATA, AMU-LED ten como obxectivo avanzar na integración segura de operacións con drons en contornas urbanas.
Grazas aos datos obtidos das diferentes probas, AMU-LED proporcionará información moi valiosa a autoridades reguladoras como EASA, que permitirán contribuír ao desenvolvemento e establecemento de leis e regulacións no ámbito da mobilidade aérea urbana.