
Ao día!

Promovendo a circularidade entre as pemes galegas
No marco do plan para desenvolver a economía circular en Galicia, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de anunciar a segunda edición da liña de axudas dirixida a pequenas e medianas empresas galegas. O seu obxectivo é promover entre o tecido empresarial da Comunidade a implantación de modelos de negocio sustentables e circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
O programa está dotado con 1,5 millóns de euros en 2023 e prevese que se poidan apoiar arredor de medio cento de proxectos, tanto individuais como colectivos.
Liñas de apoio e contías
O prazo de presentación estará aberto ata o día 28 de febreiro ás 14:00 h.
Os proxectos propostos deben cumprir distintos obxectivos, entre os que destacan a redución do consumo de recursos no proceso produtivo, a facilidade para a seu reemprego ou reciclaxe, a creación de cadeas de valor máis curtas ou a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reparación dos produtos.
En réxime de concorrencia competitiva, os apoios serán do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en proxectos individuais.
Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais, de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos, ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
Ao abeiro da nova Lei de implantación empresarial, outorgaráselles unha puntuación superior aos proxectos que se desenvolvan nun Concello Emprendedor de Galicia.
Estratexia Galega de Economía Circular
Este programa de axudas enmárcase dentro das actuacións previstas na Estratexia Galega de Economía Circular 2020 – 2030, a folla de ruta coa que a Xunta de Galicia busca impulsar un cambio de modelo económico e produtivo lineal por outro máis eficiente e racional, baseado na recuperación de materiais, a optimización de recursos e a circularidade, establecendo como principios básicos a redución, o reemprego/reciclaxe e as estratexias de deseño sustentable.
A industria é dun dos 8 eixos de actuación da Estratexia, xunto co ecodeseño, as actividades e modelos de servizo, as accións no ámbito da educación e sensibilización, a produción de alimentos, o urbanismo e construción, a xestión do ciclo da auga e a xestión de residuos. Neste sentido, mellorar a eficiencia no consumo de recursos naturais é tamén un factor clave de competitividade para o tecido empresarial, así como para crear emprego e xerar un crecemento sostible.