Inicio
Actualidade

Ao día!

08/02/2023

Protexe a túa propiedade industrial a través do Segapi

Comparte este artigo

A xestión eficaz da propiedade industrial é un dos medios do que dispoñen as pemes para poñer en valor a súa actividade innovadora e impulsar a súa competitividade. A Axencia Galega de Innovación ofrece apoio neste tema a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi)

A propiedade industrial é un conxunto de dereitos exclusivos que protexen tanto a actividade innovadora, manifestada a través de novos produtos, procedementos ou deseños, como a actividade mercantil, mediante a identificación exclusiva de produtos e servizos ofrecidos no mercado. É un instrumento fundamental para salvagardar importantes activos intanxibles nas empresas, que achegan valor e contribúen a reforzar o seu posicionamento no mercado.

O Servicio Galego de Propiedade Industrial (Segapi) é unha unidade da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia cuxa principal función é prestar os servizos de oficina rexional da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM).

Ademais deste labor de apoio á OEPM, o Segapi forma parte tamén da rede PATLIB (PATent LIBrary), iniciativa conxunta das oficinas nacionais dos estados membros da Organización Europea de Patentes e dos seus centros rexionais de información, e que consta de 320 centros espallados por toda Europa. A vinculación directa con esta organización permite ao Segapi transferir de primeira man ás empresas e inventores galegos, tanto información relativa aos procedementos de concesión de patentes como das ferramentas administrativas existentes neste eido.

Deste xeito, o Segapi impulsa a protección e a utilización do sistema de propiedade industrial mediante tres liñas fundamentais de actuación:

- Proporcionado información en materia de propiedade industrial.

- Actuando como oficina de recepción e exame formal das solicitudes que, nesta materia, se presenten en Galicia.

- Divulgando a importancia e utilidade da propiedade industrial.

Que servizos ofrece Segapi?

O Segapi ofrece ao tecido empresarial galego asesoramento, atención a consultas e dúbidas relacionadas coa propiedade industrial, e sobre a súa integración como etapa clave nos procesos de innovación.

Ademais, inicia a tramitación das solicitudes presentadas por terceiros en relación cos distintos trámites asociados aos procedementos de solicitudes de novos títulos de propiedade industrial ou de renovacións, transmisións ou defensa de títulos existentes, tanto nacionais como internacionais relativos a:

  • Innovacións técnicas ou invencións que son protexibles mediante patentes e modelos de utilidade.
  • Innovacións de deseño ou creación de forma que son protexibles mediante deseños industriais.
  • Signos distintivos que son protexibles mediante marcas e nomes comerciais.
  • Topografías de produtos semicondutores.

Posteriormente remite todas estas solicitudes á OEPM para que continúe coa súa tramitación ata a resolución final.

Por outra banda, tamén recepciona e remite á OEPM as solicitudes de servizos de información tecnolóxica :

  • Informes tecnolóxicos de patentes ITP (análise en profundidade de documentos de patente e de literatura científica que foran publicados a nivel mundial).
  • Informes de vixilancia tecnolóxica a medida (referencias bibliográficas das patentes e dos modelos de utilidade publicados dentro e/ou fóra de España).
  • Búsquedas retrospectivas (recóllense as referencias bibliográficas das patentes e modelos de utilidade publicados dentro e/ou fóra de España en relación co tema definido polo propio solicitante).

Complementariamente a este servizo, o CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Axencia Galega de Innovación e con sede en Ferrol e coordinado co Segapi, realiza a prestación de servizos de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva que ofrece a todo tipo de organizacións e empresas mediante a asesoría ou a elaboración puntual de informes ou outros produtos documentais.

Por último, o Servizo Galego de Propiedade Industrial expide certificados oficiais de explotación, que sexan solicitados por terceiros, titulares ou licenciatarios dunha invención protexida (mediante patente ou modelo de utilidade) que estea sendo explotada nalgún centro produtivo galego.

Todos estes servizos ofrécense a través de correo electrónico infosegapi.gain@xunta.gal ou presencialmente nas oficinas da Axencia Galega de Innovación (rúa Airas Nunes, s/n. Conxo. Santiago de Compostela) con cita previa.

Tamén pode interesarche