
Ao día!

A Xunta apoia a eficiencia enerxética das pemes galegas
Xa está aberta unha nova convocatoria do programa Bono Enerxía Peme, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). O seu obxectivo é apoiar a pequenas, medianas empresas e autónomos galegos do sector do comercio, a hostalería ou os servizos para a realización de proxectos de mellora enerxética. Deste xeito, búscase que poidan rebaixar o custo da súa factura eléctrica, favorecendo investimentos no eido da eficiencia que lles permitan manter a súa competitividade.
Trátase da terceira edición desta liña de apoios que, nas dúas anteriores, xa permitiu impulsar en Galicia preto de 1.500 actuacións, cun investimento de 6,1 millóns de euros.
Este ano o programa conta cunha dotación de 4,2 millóns de euros, case o dobre que en 2022, cos que se prevé beneficiar a 1.000 autónomos e pemes, con aforros de 860.000 euros ao ano na factura enerxética e a creación ou mantemento de preto de medio cento de empregos directos.
Liñas de apoio e contías
No marco deste programa, son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente. Concretamente, contémplanse as seguintes tipoloxías de bonos:
- Bono asesoramento enerxético. Trátase dunha novidade da convocatoria deste ano que inclúe estudos diagnósticos ou auditorías enerxéticas.
- Bono envolvente. Elementos de control solar como toldos de cor branco ou negro.
- Bono iluminación. Renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led.
- Bono instalacións eléctricas. Mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade.
- Bono equipamento. Renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro,vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior.
- Bono climatización. Equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
- Bono inmótica. Sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.
Os apoios contarán cunha intensidade do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo e os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50% sen necesidade da presentación de avais.
As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubriranse actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro.