
Ao día!

Galicia bate o seu récord de exportacións
As exportacións galegas veñen de rexistrar un novo récord en 2022, achegándose por primeira vez na súa historia aos 30.000 millóns de euros (en concreto, 29.886 millóns). Isto supón un 18,3% máis de vendas ao exterior que no ano anterior, que xa tiña o mellor rexistro ata o momento.
Galicia representa o 7,7% do total das exportacións a nivel estatal. Ademais, na comparativa entre as vendas ao exterior e as importacións, Galicia pechou o ano como a terceira mellor balanza comercial en termos absolutos, cun saldo positivo de máis de 2.800 millóns de euros, fronte ao conxunto de España, que finalizou en números vermellos.
Por sectores, destacan os incrementos que rexistran industrias clave para Galicia con respecto ás vendas de 2021:
- Sector téxtil (+21,1%)
- Industria química (+47,3%)
- Máquinas e aparellos mecánicos (+45,4%)
- Metalurxia (+16,5%)
En canto á distribución por países, destacan os incrementos de vendas a Países Baixos (+86%), Alemaña (+30,9%), Portugal (+27,4%) ou Bélxica (+25,7%). Fóra de Europa, sobresaen en vendas en EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%).
Plan de Misións Comerciais 2023
O fomento da innovación, a atracción de talento internacional, o acompañamento e a difusión dos casos de éxito son algunhas das liñas de actuación nas que se está traballando para continuar reforzando as exportacións galegas, no marco da Estratexia de Internacionalización da Xunta de Galicia.
Neste contexto, está prevista a apertura dunha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, impulsada pola Administración autonómica a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e en colaboración coas cámaras de comercio galegas.
O seu obxectivo é que arredor de 600 compañías tomen parte en accións de promoción internacional, favorecendo o seu posicionamento nos mercados exteriores mediante a súa participación en misións empresariais directas no estranxeiro ou en feiras e eventos expositivos. Cun investimento de 2,3 millóns de euros, o programa contempla dúas liñas: unha orientada a pequenas e medianas empresas e outra específica para grandes compañías, na procura de que contribúan co seu efecto tractor á expansión das de menor tamaño.
O Plan de Misións Comerciais prevé máis de 30 mercados prioritarios, entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a súa idoneidade para as empresas galegas.