
Ao día!

Entrevista a Elio López, fundador e CEO de Innogando (Lugo)
Tecnoloxía e sector primario van da man na startup galega Innogando, un proxecto innovador xurdido no campus universitario de Lugo e impulsado polo informático Daniel Pardo e polo veterinario Elio López, primeiro pola esquerda na imaxe e a quen entrevistamos sobre o proxecto.
Como naceu a idea?
Como veterinario e gandeiro, tiña a necesidade de ter controlados aos animais. A iso únese a parte tecnolóxica con Daniel Pardo, que é enxeñeiro informático.
En Innogando desenvolvemos tecnoloxías necesarias para que os gandeiros poidan mellorar a rendibilidade da súa granxa e a calidade de vida, tanto dos animais como dos seus propietarios. Englobámonos no sector do Smart Farming, cun persoal formado por gandeiros, veterinarios e enxeñeiros informáticos e electrónicos. A tecnoloxía e os datos son a clave do noso modelo, co obxectivo permanente de solucionar as necesidades do gandeiro, preocupándonos tamén polo benestar animal e o medio ambiente.
O voso dispositivo tecnolóxico Rumi permite monitorizar unha granxa en tempo real. En que consiste e como impacta no día a día dun gandeiro?
Rumi é un sistema de localización GPS para gando vacún que monitoriza en tempo real o estado do animal, proporcionando a información que necesita o gandeiro. Compleméntase con Rumi Partos para saber o momento exacto do parto. A nosa tecnoloxía permite aumentar a rendibilidade das explotacións e a calidade de vida dos gandeiros, garantindo sempre o benestar animal. Trátase dunha solución de xeolocalización e detección de eventos relevantes do animal sen que o gandeiro teña que ver fisicamente aos animais, unha circunstancia que mellora substancialmente a súa calidade de vida.
En qué mercados está xa presente Rumi?
Rumi leva xa dous anos funcionando en ganderías de leite ecolóxico e en pastoreo e en explotacións de carne, tanto de Galicia como de fóra da comunidade. Xa temos instalados máis de 3.000 dispositivos por toda España: Galicia, Estremadura, Navarra, Castela e León, Castela-A Mancha e a Comunidade Valenciana. Varios deles atópanse en centros de investigación, como no CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), na Granxa Experimental de Vacún de Leite da Universidade de Santiago ou en ganderías de referencia como as da cooperativa A Carqueixa (Os Ancares).
Ademais, a gran versatilidade deste dispositivo, útil para a xestión e a localización do gando en pequenas leiras de minifundio de Galicia, pero tamén en grandes extensións de terreo, provocou que chamase xa a atención de empresas de Andalucía ou Estremadura. Rumi adáptase a todas as razas bovinas, desde explotacións de vacas frisoas a loura galega, limusín, angus, wagyu ou outras razas.
Estamos tamén entrando no mercado internacional con Portugal, Irlanda e Latinoamérica.
Cales son os retos de futuro de Innogando?
Innogando nace cunha ambición internacional. Tras comprobar que respondemos a unha necesidade das granxas españolas, vemos que é algo extrapolable a outros países. Agora xa contamos cun equipo de 16 persoas que seguirá crecendo para poder escalar o noso proxecto internacionalmente.