
Ao día!

Galicia Avanza continúa apoiando a internacionalización das pemes galegas
A segunda edición do programa Galicia Avanza permitiu a participación de ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/o de base tecnolóxica. A través desta nova convocatoria, cuxo prazo de recepción de solicitudes pechouse a semana pasada, dáse continuidade a esta aceleradora de internacionalización, impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
O programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, foi concibido para impulsar a internacionalización das pemes innovadoras, de calquera ámbito ou sector, co obxectivo de que consigan acceder ao mercado exterior ou fortalezan a súa consolidación internacional a través da I+D+i e a sustentabilidade. É un dos instrumentos contemplados na Estratexia de internacionalización de Galicia 2021 – 2025 e enmárcase tamén no Programa de impulso á innovación nas pemes.
Entre os criterios de selección, tívose en conta o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior.
En 2022 participaron 30 entidades, procedentes de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC, a automoción ou o aeroespacial. Entre elas Adegas Corisca, Jamones González, Irisana ou Errecé Láser. Na xornada de presentación de resultados do programa, celebrada o pasado 15 de febreiro en San Cibrao das Viñas, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que “a Xunta ve no talento que participa en Galicia Avanza a oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador”. Ademais, puxo en valor que o traballo desenvolvido por estas empresas é unha proba de como desde Galicia está a darse resposta aos retos do século XXI: a dixitalización, a economía verde e o coidado da saúde e o benestar.
Itinerarios personalizados, mentorías e formación
Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024.
Durante os primeiros dous meses, profesionais expertos en desenvolvemento de negocio e internacionalización de produtos e servizos preparan itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas, en ámbitos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado.
Durante os seguintes meses, o programa contrata os provedores de servizos profesionais para cubrir as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa leva a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e faise un seguimento deles.
Paralelamente, as pemes beneficiarias acceden a mentorización, asesoramento e capacitación e formación comercial e técnica ao longo de todo o programa.